O noso territorio está inzado de atentados contra a natureza e o entorno. A lista non pretende ser exahustiva, porque nin o meu coñecemento nin a miña memoria chegan a tanto, pero tanto os que veñen de lonxe (Prestige, eucalipto, Celulosas en Pontevedra, Repsol na Coruña, Endesa nas Pontes, destrucción inmobiliaria da costa) como os recentes ou os que, se ninguén o remedia, se nos botarán enriba (lumes, minicentrais no Sil, Fragas do Eume, piscifactorías e eólicos en rede natura... ) cóntanse a mans cheas. E xa que falamos do tema, unha das que máis lle impresionou a un pontevedrés coma min foi descubrir un día, por unha foto como a que vedes a continuación, que o delito maior da Celulosa de Pontevedra non é estar a carón da ría... é que está DENTRO da propia ría!!
As hectáreas gañadas ao mar coa mal chamada 'autovía' de Pontevedra a Marín serviron para facerlle sitio a unha das industrias máis contaminantes do país e no peor entorno posible.
Pero imos ao conto. E o conto pretende ser positivo e optimista. Porque se hai un ano falabamos en nosquedaportugal da nosa inminente visita ao maior atentado ecolóxico perpetrado contra un río galego, un ano despois demostrouse que, se a sociedade reacciona, pódense mudar as cousas. Despois de 20 anos, unha sentencia xudicial obrigaba á empresa Ferroatlántica a devolverlle a vida á fervenza do Ézaro.
E así o poderemos disfrutar, todos os días a todas horas, a partir de agora e para sempre:
Podedes disfrutalo in situ na vila do Ézaro, concello de Dumbría. Tedes máis información nesta interesante web local, www.ezaro.com
Sem comentários:
Enviar um comentário