16/03/10

REFLEXIÓN SOBRE O DECRETO

Prometinme que en 2010 tentaría adicar os artigos de nosquedaportugal a, principalmente, seguir achegando en positivo Galiza a Portugal e demáis países da lusofonía, con especial atención a esa futura potencia económica que axudará á nosa língua a sair adiante nestes tempos escuros, Brasil.

Por iso, na miña análise sobre o decreto do carallo non me vou extender, non paga a pena. Apenas unha liña. Quen queira unha análise máis polo miúdo, pode consultar a declaración de Prolíngua ou os artigos de Manuel Bragado, Fermín Bouza, Antón Losada ou Antón Baamonde, entre outros.

Unha liña pra dicir que toca aturar cós tempos que corren, non queda outra. Eles governan e o decreto da infamia sairá adiante. Coa nosa máis contundente oposición, mais sairá adiante. Pero nada é pra sempre, e menos en democracia. O galeguismo ten por diante 3 anos pra presentarlle á sociedade unha alternativa críbel de governo, unha alternativa que ilusione á sociedade, unha alternativa que nos permita, ós que hoxe asistimos indignados ó atentado que contra a nosa cultura propia cometen esta panda de pijos acomplejados, volver crer no noso país.

Que partidos políticos, plataformas en defensa da língua, organizacións de todo tipo e todos os cidadáns dispostos a non deixar morrer este país traballen a reo pola nosa cultura en todos os campos e sectores da sociedade. En todos. Con creatividade, con ilusión, con intelixencia. Iso significa facer moito máis que unha concentración/manifestación/cacharrada/folgaxeral cada quince días. Pero cando toque facer unha manifestación, POR FAVOR, que sexa convocada conxuntamente por todas as plataformas e organizacións que aman a nosa língua, sen afán de protagonismo de ninguén, sen intereses políticos agochados e sen intención algunha por parte de ninguén de patrimonializar o que é de todos: o galego.

Quen queira entender, que entenda.

14/03/10

BLOGS DE REFERENCIA EN ECONOMÍA

Home, se hai un blog de referencia en economía a nivel internacional é o do Nobel de Economía máis blogueiro de todos os tempos, Paul Krugman, The Conscience of a Liberal; e non quero tampouco deixar pasar a oportunidade de mencionar unha páxina imprescindible, www.project-syndicate.org, onde colaboran con artigos de opinión en economía, política internacional ou crecemento sostible personalidades tan recoñecidas como os economistas Nouriel Roubini ou Joseph Stiglitz (Nobel de Economía o segundo), Kenneth Rogoff (ex-economista xefe do FMI), os ex-ministros de exteriores de Alemaña ou Israel Joschka Fischer e Shlomo Ben-Ami, e moitos outros (Bradford deLong, Jeffrey Sachs, Robert Skidelski...)


Pero non. Eu estaba a falar de dous blogs de referencia en economía de Galiza e de Portugal.




1.- A FURADA DO TRASNO

site: http://afuradadotrasno.blogspot.com/

Blog sobre economía de Galiza do que xa temos feito referencia nalgunha ocasión en Nosquedaportugal, e non está de máis adicarlle tamén este artigo. O máis suliñable é que cunha linguaxe básica e ben explicativa vai ofrecendo con regularidade información e artigos de opinión sobre a situación económica galega ó alcanzo tamén dos lectores con menores coñecementos en economía. Imprescindibles o seu seguimento da lea das caixas de aforros, e dos datos macroeconómicos de PIB i emprego en Galiza.

Só me queda dicir dúas cousas máis: pedirlle desde aqui que lle adique máis artigos a Portugal e a Eurorrexión que formamos cos minhotos; e segundo deixar unha pregunta non aire: quén carallo será o trasno? (supoño que non son o máis indicado pra facer esa pregunta, pero bueno...)



2.- THE PORTUGUESE ECONOMY

site: http://theportugueseeconomy.blogspot.com/

Blog sobre economía de Portugal. Unha eiva que temos moitas veces desde este lado do Miño os que queremos estar ó día do que acontece en Portugal é que non sabemos chegar a fontes de información que nos permitan seguir de continuo a realidade dos nosos veciños. Ben, pois en economía iso xa non ten por que nos pasar máis:


The Portuguese Economy. Fonte: theportugueseeconomy.blogspot.com


Hai apenas un mes ven de nacer o blog The Portuguese Economy, interesante iniciativa dun grupo de quince economistas e historiadores económicos portugueses de universidades do pais veciño, España, Reino Unido, USA e Canadá, coa intención precisamente de dar a coñecer ó exterior cal é a situación económica de Portugal, cales son as razóns que leva á economía portuguesa a ser a que xenera a menor renda per cápita do seu entorno, e que solucións se poden aportar.

O blog está escrito en inglés pra fomentar precisamente o intercambio de coñecemento a nivel internacional e a participación de calquer interesado de fóra de Portugal. Para moitos, o principal punto en contra deste blog é que non chegará a tanta xente por mor de estar en inglés e porque a súa linguaxe é bastante máis técnica que a da furada do trasno, por exemplo. Pero por outra banda, neste caso considero que é máis axeitado para os obxectivos que persiguen, e de atopar algo de especial valía para ser comentado en Nosquedaportugal non teñades dúbida que o faremos.

Polo de agora, o único que quero suliñar é que chama moito a atención o constante (e familiar no caso galego) 'victimismo' dos economistas portugueses á hora de botarlle as culpas de todos os problemas da economía lusa á súa situación periférica. Ben, iso pode ter a súa parte de razón, pero por unha banda non sei que pensarán en Tanzania ou Bolivia diso, i en segundo lugar, neste mundo da información instantánea e a crecente integración do comercio internacional, falar de periferia ten cada vez menos sentido: periferia respecto a qué? Ademáis... a Terra non foi sempre esférica? Logo non ten esquiñas nen nunca as tivo...

11/03/10

ENQUISA 'IDENTIDADE COMO PAÍS'

Pechada a enquisa que plantexamos hai uns días sobre a nosa identidade nacional, podemos sacar algunhas interesantes conclusións con, cando menos, a mesma credibilidade estatística que as enquisas de La Coz. I é que, segundo explicaba Calidonia nun dos seus recentes artigos, os recentes inquéritos do blog persoal de Santiago Rey foron feitos coas respostas de como moito 100 persoas por concello. No noso caso, coa participación de 52 lectores e tendo en conta que era posível a resposta múltiple (126 votos en total), podemos extraer conclusións con bastante máis criterio...


O principal activo para a nosa identidade está na aportación da familia, ou así o consideran os nosos lectores. Con esta resposta, fica patente a preocupación pola perda do galego na transmisión interxeracional. Só unha concienciación desta segunda xeración, a de fillos educados en castelán por pais galegofalantes, por invertir este proceso pode salvar á nosa língua de pasar a ser a minoritaria no país nos vindeiros anos. A escola (4º) e a familia (1º) serán fundamentais neste senso.

Pero non menos significativos me parecen os votos acadados polos medios de comunicación (20 votos, 2º lugar) e as empresas (19 votos, 3º lugar). No caso das empresas foi unha alegría saber que compartimos o convencimento de que a nosa cultura ten que demostrar que pode sobrevivir non só porque é a nosa, senón porque é útil. Sei que a moitos esto non lles gusta, pero canto antes nos deamos conta de en qué mundo vivimos, mellor. No caso dos medios de comunicación, sinceiramente, considero que está sobredimensionado o seu papel neste senso. Pero de ser así, a ampla presenza do galego e a nosa cultura en internet é un motivo de optimismo, como sinala o ciberirmandiño sHs.

Por último, os actores que quizáis teñen feito máis estes últimos 30 anos pola normalización da nosa língua e a nosa cultura, o mundo da cultura e institucións autonómicas, quedan nun nivel intermedio que eu interpreto como "sabemos o importantes que son, pero reciben máis votos aqueles que botamos máis en falta". Pode ser? Os mal resultado de 'partidos políticos' ante o descrédito que teñen non sorprende; o que sorprende é que en Franza quedaron terceiros nesa mesma enquisa (foron ordeadas pola importancia que lle outorgaron os franceses). Diferencias culturais, está claro.

Agradecervos a todos a vosa participación, e calquer cousa que queirades comentar sobre os resultados da enquisa, por suposto, son ben agradecidos.