29/06/11

PECHA GALICIA HOXE

E van...

Esta foi a carta de despedida e agradecimento do seu director, Caetano Díaz. Alto e clariño:

Prezados amigos,

Galicia Hoxe sae mañá, día 28 de xuño, por derradeira vez. Pechamos asfixiados pola conxuntura económica -con perdas insostibles e perigosaspara a saúde do resto do Grupo Correo Gallego-, pero, sobre todo, pechamos polo indecente castigo institucional a todo canto 'cheire' a galego, concretado nun brutal recorte de máis do 50% nas subvencións que o GH recibía da Xunta, tanto con Fraga como co bipartito.

Non podemos aguantar un día máis e dicimos adeus no aniversario da aprobación do Estatuto do 36 e no da volta dos restos de Castelao.

Querémosvos agradecer o voso apoio nestes 2.943 números dunha aventura singular e fermosa, oxalá que non irrepetible. Sabemos que non conectamos como deberiamos coa nosa sociedade civil e que tampouco sentimos a súa calor -pero non é este o momento de criticar nin de facer autocrítica, que tempo teremos-, e sabemos, tamén, que os vosos artigos e as vosas entrevistas foron importantes, imprescindibles, para construír un periódico plural, comprometido co seu país e aberto ao mundo.

Seguiremos vivos na rede co GH dixital e confiamos en atopar o xeito depoder contar co voso talento para manter en pé o piar básico de Galicia: o galego, unha lingua de concordia para un país libre e tolerante.

Grazas, de corazón, e forza. Boas noites e boa sorte.

Caetano Díaz


Pero unha cousa non quita outra: no país das leiriñas imos ter que replantexarnos moitas cousas, ou esvaecemos.

Sem comentários:

Enviar um comentário