03/10/11

NUNCA MÁIS NCG

Por diversos motivos, pero sobre todo por sobrecarga de traballo, estas semanas o blog está (e probablemente continuará) algo parado ata que saque un par de asuntos adiante, pero evidentemente non quería deixar pasar a peor noticia para o país en décadas (esaxero? cando menos no aspecto económico do país coido que non moito). Só podo lembrar eiqui a miña análise hai case dous anos -'cortina de fume'- onde xa advertiamos de moito do que rematou por pasar.

Recoméndovos tamén os comentarios noutro dos blogs que veñen tempo avisando da que se nos viña enriba, A Furada do Trasno, e a sua recente análise. Recoñezo que a evolución dos acontecementos no último ano, ano e medio, tanto en Galiza como a nivel internacional, téñenme abatido: o peche dos medios de comunicación en galego (sobre o cal estou a traballar nun informe, agardamos non tardar en publicalo), o déficit democrático no Estado español e na UE, a 'resurrección' (algunha vez morreu?) da ideoloxía neoliberal, que segue a demostrar quen manda aqui, etc.

Polo demáis, dous aspectos da nacionalización de NCG téñenme indignado e desolado. Indignado o comportamento de avestruz de LVG: quen queira que lle bote un ollo nun bar a ese panfleto (por favor, nin un peso a esa xente) verá como, o que é noticia en TODOS os medios de comunicación galegos e españois, en LCG non merece estes días nin titulares de portada nin editoriais 'yo acuso' nin artigos dos seus ben pagados comentaristas. Esa é a resposta do lobby que durante meses traballou (e finalmente conseguiu, como non) pola desastrosa infección de Caixanova por CaixaGalicia.

E desolado, pola actitude do país. Hai dez anos o país saíu á rúa farto de que as nosas costas fosen a esterqueira do mundo por enésima vez. Daquela pensamos todos que a sociedade galega, por fin, demostraba saber loitar polo seu cando toca. Podemos pensar o mesmo hoxe?

1 comentário:

  1. A primeira infección de CaixaGalicia foi empeorar as condicións da miña conta por algo que eu non asinei. Estou a pensar en meter "todo" na única caixa existente no país: Caixa Rural Galega.

    ResponderEliminar