As caixas nos 'stress test'
As caixas nos 'stress test'
Unha primeira análise dos resultados dos ‘test de esforzo’ realizados polo Comité de Supervisores Bancarios Europeos (CEBS) deixa patente que os resultados serán utilizados para respaldar a política de bancarización das caixas defendida polo Banco de España, e executada por PP e PSOE –partidos que recentemente acordaron reformar a Ley de Cajas de Ahorro (Lorca) pola vía de Real Decreto urxente.
A menor transparencia doutros países impide comparar os resultados das caixas de aforro no contexto europeo (serían moi interesantes coñecer máis en detalle, por exemplo, os casos de Alemaña e Italia, onde a maior atomización do seu sistema bancario permitiría extraer mellores conclusións), pero no contexto español, as caixas saen especialmente mal paradas. Entroutras cousas, porque 6 dos 8 bancos analizados superan a todas as caixas de aforro –agás a BBK- en termos de perdas en proporción ós seus activos, e 5 caixas suspenderían o test (o CEBS entende por ‘suspender’ ver reducido o ratio de capitalización dunha entidade por debaixo do 6%).
Pero vaiamos polo miúdo. En primeiro lugar, a maioría dos bancos, con perdón da expresión, tampouco están ‘pra botar foguetes’. Santander e BBVA, si, xogan noutra liga. Son as únicas entidades españolas que acadarían beneficios incluso nos escenarios máis extremos considerados nos tests, resultando a primeira e cuarta entidades de Europa por beneficios. Pero xogan noutra liga porque a maior parte dos seus ingresos proceden doutros mercados: todos os bancos e caixas considerados no test son bancos que operan fundamental ou totalmente en España, mentras por exemplo Brasil representou o 30% dos resultados de Santander no primeiro trimestre de 2010 (Brasil, si, un pais que para os galegos deberia ser unha oportunidade histórica, pero seica algúns seguen a xogar ó despiste).
Pola contra, os resultados de bancos como Popular, Sabadell, Guipuzcoano e, nomeadamente, Banco Pastor, son tan significativos como os das caixas de aforro. En concreto, Pastor sufriría unhas perdas de máis do 4% dos seus activos totais, e recibe un cinco raspadiño cun 6 % de ratio Tier1, inferior ao da maioría das caixas (se ben é certo que para moitas destas –incluido ‘Breogan’, o nome asignado polo CEBS para a fusión das caixas galegas- corresponden ós ratios posteriores ás axudas públicas). Especialmente significativa é tamén a exposición de Pastor e Popular ós problemas do sector inmobiliario: máis do 60% das súas perdas provirían de promotores (só superados polas caixas de Sabadell, Murcia e a intervenida Cajasur). E moi sintomático tamén dos excesos cometidos por algúns bancos é o menor peso do marxe de explotación (que mide o negocio tradicional bancario, é dicir, créditos e depósitos) en proporción ás hipotéticas perdas sufridas, que no caso do banco galego suporían consumir o 100% do marxe xenerado nun ano.
A análise das caixas de aforro ofrece uns resultados iguais ou peores á dos bancos, coas salvedades principais de La Caixa, BBK e Kutxa, estas dúas últimas fortemente capitalizadas. Unhas perdas de entre o 2,5% e o 7% dos activos totais, uns ratios de capitalización inferiores ao 8% case na súa totalidade –‘Breogán no 7,2% despois de axudas- e, sobre todo, como mostra patente de que as caixas deixaron de centrarse no negocio tradicional de créditos e depósitos, algunhas entidades como Cajasur ou o SIP CAM-Cajastur precisarían o marxe de explotación de 5 exercicios para cubrir as perdas do peor escenario posible, un dato que só podería ser calificado de moi preocupante de non contaren estas entidades con suficientes provisións ao efecto. A fusión das caixas galegas non sae moito mellor parada a este efecto, precisando máis de 3 anos.
Asi pois, varias preguntas veñen á mente: por que se chegou a esta situación? É unha problema na concepción ‘especial’ das caixas, ou un problema nas prácticas aplicadas estes últimos anos? É a solución a bancarización? A quen beneficiará ese proceso?
As caixas foron sempre unhas entidades un tanto ‘molestas’ para a banca tradicional, xa desde que naceron no século XV no norte de Italia como ‘Montes de Pietá’, unhas alternativas piadosas para as xentes de menores recursos fronte á usura dos bancos da época. E tamén son desde sempre un bocado apetecível para o sector bancario, ben por absorción (algo que a distinta natureza das caixas, entidades sen accionariado, impedía) ben se fosen capaces de desplazaren ás caixas dos seus mercados tradicionais. Sen embargo, iso é algo que ata agora non foron quen de conseguir, máis ben ó contrario, como amosa a crecente cuota de mercado destas últimas (un 55% do mercado español, segundo datos de www.cajasdeahorro.es). Se as caixas eran quen de superar ós bancos en cuota, porque están na situación que amosan os ‘stress test’?
Ata as últimas reformas do sector, as caixas de aforro centraban a súa actividade ao seu ámbito xeográfico natural. Esta condición, e a natureza social das caixas, xogaba no seu favor á hora de competir coa banca: resultaba evidente que os bancos tiñan problemas para competir con cada caixa no seu mercado local por razóns ‘sentimentais’ de moitos aforradores, a maior implicación das caixas no desenvolvemento do tecido empresarial local, e os beneficios que cada caixa reportaba ós seus veciños a través da obra social, superior en volume aos dividendos que os bancos españois destinan ós seus accionistas.
O obxectivo das sucesivas reformas foi precisamente desnaturalizar as caixas de aforro: abrir a competencia entre elas en toda a xeografía do Estado, reducir a importancia da súa función social, e asimilalas progresivamente cara unha concepción esencialmente bancaria. O resultado? A ninguén se lle escapa que as perdas de Caixanova e CaixaGalicia proceden, na súa maior parte, do sector inmobiliario no Levante e Canarias, entroutras actividades. Para gañar mercado lonxe dos seus mercados naturais, moitas caixas de aforro tiveron que arriscar máis, ofrecendo o que outros non ofrecían, ou financiando operacións que outros non querían.
A bancarización e desnaturalización das caixas conduciunos á situación na que estamos hoxe pero, cal é a alternativa que agora plantexan as autoridades? Afondar nunha maior bancarización, xusto nun intre no que os acontecementos a nivel internacional poñen en tela de xuizo se realmente sabemos o que nos traemos entre mans. Sen ir máis lonxe, mentras a creba de Lehman Brothers puxo en descrédito a teoría aquela do ‘too big to fail’, seica en España a solución pasa precisamente pola concentración.
Para saber que intereses se persiguen cando se executa unha acción, nada máis simple que plantexarse quen son os principais beneficiarios. Neste caso, os grandes poderes económicos (bancos e grandes grupos empresariais) que poderán entrar no accionariado do 55% do mercado financeiro español que ata o de agora lles era vedado; e o Goberno Central, que acomete con esta reforma o maior recorte ás competencias das Comunidades Autónomas en máis de 30 anos de democracia.
Sem comentários:
Enviar um comentário