22/03/10

UNHA MARABILLA

Un video é quen de demostrar o absurdo dos tempos que vivimos. En troques de diseñar as políticas educativas pra que tod@s @s nen@s poidan ser Xulia, deséñannas os hipócritas que reclaman o seu dereito a ser ignorantes.





Unha marabilla. Bravo, eufalo.tv Adiante, non desesperemos, temos futuro.

20/03/10

RIO CÁVADO: MONTALEGRE

(ven da primeira parte)

Dos dous camiños por Trás-os-Montes de Chaves a Montalegre, nós probablemente fomos escoller o peor. Ou eso pensou o noso automóvil, cando pouco antes de pasar por Soutelinho da Raia, na mesma fronteira ficticia entre Galiza e Portugal, pinchamos unha roda.



Ver mapa más grande


Era a primeira vez que pinchaba, asi que aínda botei un bó cacho tentando averiguar como se cambiaba pola roda de bicicleta que veñen agora de reposto nos coches. Asegúrovos que co Ferrari de Alonso tardan bastante menos...


O traxecto transcorre por unha paisaxe semi-desértica (tanto de vexetación como de aldeas arraianas) ó pé da Serra do Larouco, xusto á altura do Couto Mixto, aquela Andorra galega da que xa temos falado en Nosquedaportugal.

O Couto Mixto (en verde), apenas a 5 quilómetros de Montalegre.
Fonte: gl.wikipedia.org


O río Cávado nasce apenas a un par de quilómetros das aldeas -Rubiás, Santiago e, un pouco máis lonxe, Meaus- que compoñen o Couto Mixto, en plena Serra do Larouco. Non transcorrerá outro tanto antes de chegar a Montalegre, antiga vila de apenas dous mil habitantes, cuio carácter defensivo nos lindes da raia galego-portuguesa queda de manifesto polo seu castelo medieval.

Vista á entrada de Montalegre. O castelo medieval á dereita.
Fonte propia.


O castelo, iniciado polo Rei D. Dinis no século XIII, constituía xunto ós castelos da Piconha (Tourém) e de Portelo (Padornelos) o conjunto defensivo das Terras de Barroso. Representaba un ponto de alto valor defensivo, encadrado entre as Serras do Gerês ó oeste, do Larouco ó leste, e rodeado polo río Cávado ó norte.

Malia que nun excelente estado de conservación, o castelo non ten chegado a nós íntegramente por mor do tristemente famoso terremoto de 1755, que provocou a queda dunha das ameias. No século XX foi declarado Monumento Nacional e na actualidade integra conxunto co núcleo museológico anexo.

Castelo medieval de Montalegre. Fonte propia.

Ó leste e ó sur desenvolveuse a vila medieval cós privilexios concedidos polo Rei D. Dinís para o seu poboamento. Dende o castelo as vistas de Montalegre son ben fermosas, máis nun día nevado (e ben frío, carallo!) como aquel.

Vistas da vila de Montalegre dende o seu Castelo Medieval.
Fonte propia.

No camiño alternativo (e mellor comunicado) que leva de Chaves a Montalegre, a estrada atravesa o outro município do Barroso, a tamén vila turística de Boticas, ben coñecida polas Termas de Carvalhelhos. A visita a algún dos hoteis rurais do entorno apúntoa na lista de asignaturas pendentes...

Vila de Boticas, Portugal. Fonte: www.maplandia.com

Esta segunda rota alternativa trasncorre paralela á barragem do Alto Rabagão, encoro da conca do río Cávado, nun dos seus tributarios poucos quilómetros antes da súa confluencia.

Barragem do Alto Rabagão. Fonte propia.

Será a partir desa confluéncia cando o Cávado colla forzas para atravesar a difícil orografía da Serra do Gerês. Verémolo na seguinte etapa.

18/03/10

RIO CÁVADO

Non ten a fama doutros. O pai Miño ou Minho, que nunca foi fronteira de nada nos séculos da Gallaecia, do Reino Suevo ou da alta Idade Media, simboliza o que nos divide (e nos une) a Galiza e Portugal. O Río Lima, nacido nas terras galegas de Xinzo, é un dos máis fermosos ó seu paso polas vilas de Ponte da Barca e Ponte da Lima, 'a vila máis velha de Portugal', pra rematar morrendo xunto a Viana do Castelo. Nen moito menos ten a sona do Douro, rota dos Vinhos Verdes en chegando a Porto, ou do Tejo e o seu espectacular esteiro ós pés da bela Lisboa.



Ver mapa más grande


Mais entre Lima e Douro baña boa parte das terras do Portugal Norte un río nacido ás portas da provincia de Ourense, na Serra do Larouco, que non é tan recoñecido coma outros pero que é o nexo de unión entre algúns dos lugares de maior beleza do país veciño: Montalegre, Serra do Gerês, Barragem da Caniçada, Braga, Barcelos ou Esposende.

O río Cávado.


Barragem da Caniçada, río Cávado e Serra do Gerês ao fondo.
Fonte: viajar.clix.pt

Por iso, neste e nos vindeiros artigos de Nosquedaportugal convidámosvos a nos acompañar por unha fermosa viaxe percorrendo os vales e vilas veciñas deste río por descobrer.


Unha viaxe que principia en Chaves, cidade veciña á Serra do Larouco onde nace o Cávado. Unha vila que neste caso é bañada por outro río que como o Lima nace en Ourense pra transcorrer a maior parte do seu percorrido en Portugal, o Támega.

Ponte Romana de Trajano en Aquae Flaviae (Chaves).
Fonte propia.


Poboado xa dende a antigüidade, a fertilidade do val do Támega, as augas quentes dos seus manantiais termais e o feito de ser lugar obrigado de paso entre dúas das capitais dos tres conventos da Gallaecia -Braccara Augusta (Braga) e Astúrica Augusta (Astorga)- fixo deste asentamento romano un centro de grande importancia, que foi elevado á categoría de municipio no século I por Flavio Vespasiano có nome de Aquae Flaviae.

Nos anos do nacemento de Portugal, a vila xogaría un papel fundamental na defensa do novo reino independente. Alí Afonso III e o seu sucesor, o Rei Dinis, ordean levantar o castelo de Chaves, a torre de menagem e as murallas que ainda hoxe dominan as vistas da cidade.

Torre de menagem, Castelo de Chaves. Fonte propia.


Hoxendía, Chaves constitúe unha das dúas patas dun dos proxectos máis ambiciosos da Eurorrexión Galiza - Norte de Portugal: a Eurocidade Chaves - Verín. Un novo modelo de organización municipal dentro do marco da cooperación da Eurorrexión.

Outros puntos de interese turística a visitar son a Praça de Camões, coas igrexas da Misericórdia e Santa Maria Maior, o Forte de São Francisco ou a Igreja da Madalena, cruzando ó outro lado do río pola Ponte de Trajano.

Praça de Camões, coa Igreja de Santa Maria Maior ó fondo.
Fonte propia.


E de Chaves partimos cara o oeste, nun percorrido de apenas 40 quilómetros que nos levará a Montalegre, capital da Serra do Larouco onde nace o río Cávado.

Verémolo na vindeira etapa.