20/07/10

PEDAGOXÍA FISCAL


O meu artigo hai dez días para Xornal de Galicia

Pedagoxía fiscal


Non sei por que puxeron títulos diferentes nas versións en internet e en papel, que é a que eu lles enviei. Seguimos off-line (pero moi, moi atarefados...) ata setembro.

Pedagoxía fiscal


A segunda das eivas do sistema económico internacional causante dos desequilibrios que conduciron a actual crise é a ausencia de regulación común no libre movemento de capitais. Como non é un tema moi asequible para os non iniciados, tentarei expoñelo con altas doses de pedagoxía, para que poidades chegar ás vosas propias conclusións.

Supoñamos que dispós dun millón de euros. Nas túas mans terías a posibilidade de axudarnos a saír da crise investindo nun novo proxecto empresarial que xere traballo e riqueza para o país. O problema é en primeiro lugar, que segundo o Banco Mundial e o Foro de Davos, España é o Estado da OCDE que máis trabas e trámites burocráticos require para abrir unha empresa. Peor que Albania, Afganistán ou Zimbawe, por exemplo. E en segundo lugar, se tes sorte e consigues que a túa empresa teña éxito, tributarás no Imposto de Sociedades con carácter xeral o 30% das plusvalías.

Hai outra opción. Acudir a un banco –ou máis sinxelo, a través do internet– e apretando una soa tecla, mercar unha carteira de accións en bolsa. É moito máis cómodo, de xeito case automático e sen traba algunha. E ademáis, se tes sorte e consigues que a túa ‘empresa’ teña éxito, tributarás no IRPF con carácter xeral o 19% das plusvalías, ou o 1% se dispós dos 2,4 millóns de euros necesarios para constituires unha SICAV.

A maioría elexirá a segunda alternativa. O problema é que esta opción é precisamente a que non xera riqueza nin postos de traballo. Cando unha empresa sae por primeira vez a bolsa ou realiza unha ampliación de capital, está a procurar financiamento para a realización de novos investimentos que si xeran riqueza. Pero unha vez conseguido dito financiamento, as novas accións comezan a cotizar nos mercados secundarios pasando dunhas mans a outras sen ningún efecto real sobre a economía.

O ideal sería que os investimentos produtivos (montar unha empresa) tiveran poucas trabas e un tipo impositivo máis baixo que a especulación financeira. Necesitamos investimentos que xeneren emprego! A función da regulación é precisamente correxir as decisións –perxudiciais para o conxunto da sociedade– que cada un de nós tomaría en ausencia de regulación buscando o seu único beneficio persoal.

Entón, por que non subimos os impostos á especulación financeira? Porque aceptamos vivir nun mundo con total liberdade de movementos de capital entre –sorprendentemente– áreas económicas con moi distintas tributacións, regulacións e niveis de transparencia fiscal. “Se subides os impostos ás SICAVs –ameazan– dámoslle a unha tecla e levámolas para Luxemburgo”. É inadmisible xogar ao mesmo xogo –a globalización– con reglas distintas para cada participante. Modificar esta situación require unha acción concertada a nivel internacional para elevar o tipo impositivo ás plusvalías do capital en todos os países, levantar segredos bancarios, prohibir os paraísos fiscais (ou marxinar económicamente aos países que os auspician), etc.

Farase? Dubídoo moito. Moito máis cando vemos como admitimos a liberdade total do capital nun mundo que prohibe o mesmo trato ás persoas, trantando ós seres humanos como ‘excedentes’ (velaí a lei migratoria en Arizona, por exemplo). O noso mundo non vive unha crise económica ou financeira. Vive unha crise de valores. E moi severa.

Sem comentários:

Enviar um comentário