02/11/10

PERIFERIAS E LOCALISMOS

Desde este mes de novembro comezo a colaborar tamén en Nova+, "O primeiro xornal económico de Galicia", do grupo Galiciaé - El Progreso de Lugo - Diario de Pontevedra.

Este mes colaboro có artigo "Periferias e localismos nun mundo globalizado" que podedes consultar facendo click na imaxe arriba (se tedes sorte e funciona a ligazón). Eiqui vos deixo un extracto:


"Imaxinen por un momento a un empresario de Boston, Bahía, Shanghai ou Singapore observando ese mapamundi no googlemaps, e decidindo onde realizar o seu próximo investimento, onde facer escala na distribución das súas mercadorías ou a quen contratar os servizos que precisa a súa empresa. Cren que discriminará algo entre A Coruña e Vigo, ou entre Vigo e Porto? Aínda hoxe, a mentalidade do minifundio está moi arraigada na nosa sociedade, os nosos políticos e entre o noso empresariado. Só vemos o que en economía se chaman xogos de suma cero: ‘a miña leira é miña’, e todo o que eu poida gañar é a costa da leira do veciño. Pero o que non vemos é que nun mundo globalizado e altamente competitivo como o actual, competir entre nós para ter tres facultades de Mediciña, sete aeroportos, vinte cámaras de comercio, e cincuenta palacios de congresos só conduce a perder competitividade contra os que cooperan e se organizan para ofreceren un servizo máis racional e competitivo.

Por que o moderno aeroporto de Porto non pode ser o aeroporto internacional de referencia dos galegos? Por que Vigo non pode ser o polo industrial da Coruña? Por que A Coruña non pode ser o centro financeiro do país? Por que Santiago non pode ser a nosa Universidade, como o foi durante 500 anos? E este xeito de pensar e traballar non ten por que significar unha única sede para todos eses organismos: traballemos en rede, física e virtualmente. Virtualmente, onde as novas tecnoloxías da información e da comunicación permiten traballar en rede entre organismos e empresas. E físicamente, do mesmo xeito que traballan outros: calquera que se achegue ós Países Baixos poderá comprobar como o maior peirao de Europa, o porto de Rotterdam, ten as súas instalacións distribuidas ó longo de toda a costa holandesa e belga (hai moito que holandeses e belgas aprenderon a cooperar –non como facemos portugueses e galegos– coa creación do Benelux, xermolo da futura Unión Europea). Acaso unha rede de peiraos desde Porto a Coruña non sería máis competitiva que Alxeciras ou Barcelona para dar servizo ás mercadorías de USA ou especialmente Brasil que se dirixen ó sur de Europa, e viceversa?"

2 comentários:

  1. David, dás na chave: Superouse o minifundismo dos aforros con poucas trabas por parte dos galegos. Tamén pode haber unha Universidade da Galiza (ou de Galicia) coordinando as tres existentes (con campus en seis cidades) e, por que non?, un Aeroporto de Galicia.

    ResponderEliminar
  2. Acabo de descubrir o teu blog, e a verdade é que unha grata sorpresa. Estou totalmente de acordo contigo, eu vivo en Alemaña (en Baden-Württemberg) que cos números na mán pasa por ser a rexión máis rica de toda Alemaña, pois con todo iso ten case 11 millóns de habitantes e 3 aeroportos, dos cais só 1, o de Stuttgart, ten un tráfico máis ou menos de acordo o poder da rexión, os outros dous Baden-Baden e Friedrichshafen, en fin... o aeroporto de Santiago e dúas veces calquera de esos dous. Qué pasa en Baden-Württemberg? pois que München e Frankfurt están a 200 km de distancia da capital do estado federal, que é Stuttgart, e polo tanto a xente usa os outros dous aeroportos (Fr e Mün) e non hai maiores problemas, e conste que podería habelos porque Baden-Württemberg pasa por ser o cuartel xeral de: SAP,Audi, Heidelberger Druckmaschinen, Putzmeister, Liebherr, Hugo Boss, etc, e Stuttgart é a sede de Daimler AG, Porsche e Bosch, pois está é a situación aquí e non hai problemas, e nós con menos andamos a matarnos!

    ResponderEliminar