16/10/11

IMPLICADAS

Nestes tempos de crise, indignación, desemprego, ignominia, rebeldía, pasotismo, 15-M, 15-O, 20-N e demáis siglas, un paso imprescindible para comezar a facer que as cousas muden é que todos asumamos que cambiar este mundo é responsabilidade de TOD@S. Parabéns aos 'extremoizquierdistasradicalesantisistema' que fixeron de onte unha data memorable, mais a indignación non serve de nada se non se canaliza cara proxectos de vocación constructiva e transformadora. É momento de facer máis, moito máis.

Implicadas no desenvolvemento.
www.implicadas.com


Implicadas no desenvolvemento, Organización non Gobernamental de Axuda ao Desenvolvemento fundada en 1998, ten por obxectivo traballar a prol da erradicación da pobreza nas comunidades máis afectadas por ela, e máis en concreto có grupo das mulleres, a través da eliminación das estruturas de opresión Norte-Sur e de xénero, pretendendo conseguir un cambio a nivel global nos ámbitos do xénero, a sanidade, a educación, os dereitos humanos, a economía e tódolos factores que compoñen o desenvolvemento humano perdurable.

IND é unha organización galega, independente, aconfesional, apartidaria e de base voluntaria, que fundamenta as súas intervencións no terreo nos criterios de sustentabilidade e autoxestión das comunidades, desde o enfoque de xénero a todos os niveis. IND ten especial interese en traballar naqueles países onde non exista unha tradición de traballo en Galicia, a India en particular, e os países menos adiantados segundo a definición das Nacións Unidas.

Na xestión de proxectos de desenvolvemento, IND financia sempre proxectos xestionados por organizacións locais, de xeito que se garanta o respecto cultural, a cración de emprego local e a autosuficiencia das comunidades. IND funciona có esforzo voluntario das/os socias/os e simpatizantes, promovendo a colaboración con outras organizacións en campañas conxuntas e actividades de todo tipo, agrandando así a forza e calidade do movemento ONG ante a sociedade civil e gobernamental.

Na actualidade Implicadas no Desenvolvemento financia e apoia dous proxectos na India e outros dous en Etiopía. Algúns dos proxectos levados a cabo por implicadas nestes 13 anos de traballo son
- Programa de Desenvolvemento Urbano en Tiruchy (India) VIXENTE

- Erradicación do infanticidio feminino en Salem (India) VIXENTE

- Programa de Xeración de Ingresos e Capacitación de mulleres-XICAM en North Wollo (Etiopía)

- Programa de apoio a mulleres cabeza de familia en Addis Ababa (Etiopía)

- Proxecto de recuperación e desenvolvemento en Karaikal (India)

- Proxecto de xeración de ingresos e capacitación comunitaria, Mersa, North Wollo (Etiopía)


Tedes acceso a completa información sobre estes proxectos e demáis actividades (campañas de sensibilización, conferencias en centros educativos, exposicións...) na web da organización, www.implicadas.com

Anímate a colaborar. IMPLÍCATE!!!

(grazas a Lorena pola información)

04/10/11

RESULTADO DA ENQUISA (2)

Desde este mes o meu fillo Anxo é novo socio da asociación GalegoLab (é o mellor xeito que se me ocorreu de facerlle chegar á asociación os euros do premio dos lectores do blog...). En canto á AGAL, este foi o pedido que acabo de facer na súa loja imperdível:


'Caracol e caracola' + 'Navega, caracol!'
(coido que Anxo vai ser o principal beneficiado do resultado da enquisa...)

'Som voltas' - Servando e Contradança


Por último, como xa indiquei ao propoñer a enquisa, a lista de asociacións e empresas que propuxen era ben curta en comparación coas moitas asociacións no país que traballan con sentido de país e conciencia social. Un exemplo é implicadas.com, organización galega sen ánimo de lucro que "basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como base para o desenvolvemento humano perdurable, entendendo a loita contra a pobreza como un exercicio de responsabilidade da cidadanía do Norte e a busca de espazos para que cidadanía do Sur, e en concreto as mulleres, poida tomar decisións sobre as súas vidas". A elas adicaremos o noso vindeiro post. Deica entón.

03/10/11

NUNCA MÁIS NCG

Por diversos motivos, pero sobre todo por sobrecarga de traballo, estas semanas o blog está (e probablemente continuará) algo parado ata que saque un par de asuntos adiante, pero evidentemente non quería deixar pasar a peor noticia para o país en décadas (esaxero? cando menos no aspecto económico do país coido que non moito). Só podo lembrar eiqui a miña análise hai case dous anos -'cortina de fume'- onde xa advertiamos de moito do que rematou por pasar.

Recoméndovos tamén os comentarios noutro dos blogs que veñen tempo avisando da que se nos viña enriba, A Furada do Trasno, e a sua recente análise. Recoñezo que a evolución dos acontecementos no último ano, ano e medio, tanto en Galiza como a nivel internacional, téñenme abatido: o peche dos medios de comunicación en galego (sobre o cal estou a traballar nun informe, agardamos non tardar en publicalo), o déficit democrático no Estado español e na UE, a 'resurrección' (algunha vez morreu?) da ideoloxía neoliberal, que segue a demostrar quen manda aqui, etc.

Polo demáis, dous aspectos da nacionalización de NCG téñenme indignado e desolado. Indignado o comportamento de avestruz de LVG: quen queira que lle bote un ollo nun bar a ese panfleto (por favor, nin un peso a esa xente) verá como, o que é noticia en TODOS os medios de comunicación galegos e españois, en LCG non merece estes días nin titulares de portada nin editoriais 'yo acuso' nin artigos dos seus ben pagados comentaristas. Esa é a resposta do lobby que durante meses traballou (e finalmente conseguiu, como non) pola desastrosa infección de Caixanova por CaixaGalicia.

E desolado, pola actitude do país. Hai dez anos o país saíu á rúa farto de que as nosas costas fosen a esterqueira do mundo por enésima vez. Daquela pensamos todos que a sociedade galega, por fin, demostraba saber loitar polo seu cando toca. Podemos pensar o mesmo hoxe?