20/07/11

DOA 120 EUROS EN GALEGO

Deberiamos pensar todos, nestes tempos onde pechan un tras doutro os xornais en galego, ou cando os nosos sectores editorial, audiovisual e cultural en xeral están a pasar tantas penurias, que si, que a responsabilidade é de xa sabemos quen... pero tamén nosa: merquemos libros en galego, xornais en galego, cinema en galego, música galega...

Creo que o mellor servizo que se pode facer có diñeiro recadado por publicidade grazas ós lectores de nosquedaportugal e alemdominho é destinalo a unha boa fin. Arriba á dereita deste blog tedes unha 'enquisa' cós nomes das entidades que propoño (seguro que falta algunha, pero como se soe decir, non están todas as que son, pero todas as que están, son). Podedes votar cantos nomes queirades. O día 10 de setembro péchase a votación, e a entidade que consiga maior número de votos recibirá 80 euros dos lectores do blog, e a que resulte en segundo lugar, 40 euros. Certo que nalgún caso non sei, chegado o caso, como facerlles chegar a axuda, porque non vexo nas súas webs que acepten aportacións, doazóns, suscripcións, etc., pero xa se verá. En calquer caso, coa maioría das entidades non hai problema con iso, así que votade a quen queirades.

Económicamente non lles servirá de moito aos gañadores, pero espero nos sirva de exemplo a todos. Máis apoio económico e menos manifestos, por favor... Dito esto sen ánimo de ofender a ninguén, por suposto.

Estas son as entidades que propoño:

ADEGA Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
AGAL Associaçom Galega da Língua
AGAPI Asociación Galega de Productoras Independentes
Asociación Cultural Chuza
Asociación de Mulleres Pedra Vella
Asociación Galega de Editores
CIG Converxencia Intersindical Galega
CTNL Coordinadora traballadores/as pola normalización da lingua
EGANET Empresas galegas adicadas a internet
Foro Enrique Peinador
GalegoLab
Galicia Confidencial
Galicia Hoxe
RAG Real Academia Galega
Verdegaia
Xornal de Galicia

Tedes ata o 10 de setembro pra votar. Ata entón, este blog estará en 'stand by'. Bó verán!!

------

Actualización: Di un anónimo en comentarios que bota en falta Rede de Escolas Infantís Galiza co Galego. Esa non estaba na lista, pero teño que recoñecer que tiña apuntada unha que, non sei que fixen, logo esquecín metela: A Mesa para a Normalización Lingüística. Quede aqui dito (agora non a podo incorporar pq xa votou alguén) pero se hai outras edicións, prometo que non esquecerei meter nin a Mesa nin ás Escolas infantís. Saúdos.

17/07/11

A SAIA DE CAROLINA

Andaba eu onte repasando o deseño do blog e outras cousas das tripas do fedello este que non ve o lector, e entre as cousas revisei a nube de 'etiquetas' (que agora podedes ver ó final da última entrada, a continuación da hemeroteca). Por exemplo, a palabra economía vai gañando peso últimamente, pero é tamén unha decisión do autor, vistos os tempos que corren e que, despois de todo, é do que podo falar con máis criterio. Pero máis que as palabras que gañan espazo, chamáronme a atención dúas que están a ficar pequenas de máis, a saber: Lisboa e humor.

O de Lisboa heino arranxar en breve, moi en breve, de feito. Prometido. E en canto ao humor, temos posto eiqui algúns videos de gato fedorento ou os trapalhões, entre outros, así que xa vai tocando algo de humor local. Sei que a moitos esto de poñer a xente saída do Luar non lles vai chistar moito, pero éche o que hai: eu ben que me río con Mucha e Nucha, e coa versión da 'saia da Carolina' escarállome vivo! Alegria, carallo!! Non todo vai ser chorar pola crise económica...




Carolina! pija, carallo, pija!!

15/07/11

ÉZARO VIVE

O noso territorio está inzado de atentados contra a natureza e o entorno. A lista non pretende ser exahustiva, porque nin o meu coñecemento nin a miña memoria chegan a tanto, pero tanto os que veñen de lonxe (Prestige, eucalipto, Celulosas en Pontevedra, Repsol na Coruña, Endesa nas Pontes, destrucción inmobiliaria da costa) como os recentes ou os que, se ninguén o remedia, se nos botarán enriba (lumes, minicentrais no Sil, Fragas do Eume, piscifactorías e eólicos en rede natura... ) cóntanse a mans cheas. E xa que falamos do tema, unha das que máis lle impresionou a un pontevedrés coma min foi descubrir un día, por unha foto como a que vedes a continuación, que o delito maior da Celulosa de Pontevedra non é estar a carón da ría... é que está DENTRO da propia ría!!


As hectáreas gañadas ao mar coa mal chamada 'autovía' de Pontevedra a Marín serviron para facerlle sitio a unha das industrias máis contaminantes do país e no peor entorno posible.

Pero imos ao conto. E o conto pretende ser positivo e optimista. Porque se hai un ano falabamos en nosquedaportugal da nosa inminente visita ao maior atentado ecolóxico perpetrado contra un río galego, un ano despois demostrouse que, se a sociedade reacciona, pódense mudar as cousas. Despois de 20 anos, unha sentencia xudicial obrigaba á empresa Ferroatlántica a devolverlle a vida á fervenza do Ézaro.

Así baixaba o Xallas estes últimos 20 anos:





E así o poderemos disfrutar, todos os días a todas horas, a partir de agora e para sempre:




Podedes disfrutalo in situ na vila do Ézaro, concello de Dumbría. Tedes máis información nesta interesante web local, www.ezaro.com

09/07/11

MARIZA - CHUVA

'Há dias que marcam a alma e a vida da gente'. Non, non falarei do Codex Calistinus. Pónseme mal o sangue e quero chegar a vello.

Un pouco de paz, por favor... neste verán pasado por auga que nos tocou e que, seguramente, tanta falta fai, ahi vos deixo 'Chuva', un dos temas máis recoñecidos da fadista portuguesa nacida en Mozambique, Mariza.





As coisas vulgares que há na vida não deixam saudades
Só as lembranças que doem ou fazem sorrir

Há gente que fica na história da história da gente
e outras de quem nem o nome lembramos ouvir

São emoções que dão vida à saudade que trago
Aquelas que tive contigo e acabei por perder

Há dias que marcam a alma e a vida da gente
e aquele em que tu me deixaste não posso esquecer

A chuva molhava-me o rosto gelado e cansado
As ruas que a cidade tinha já eu percorrera

Ai... meu choro de moça perdida gritava à cidade
que o fogo do amor sob chuva há instantes morrera

A chuva ouviu e calou meu segredo à cidade
E eis que ela bate no vidro trazendo a saudade

04/07/11

INERCIA

Coido que é a palabra que mellor define estes tempos. Inercia na crise económica mundial e as solucións que se lle están a dar, inercia na política galega e, particularmente, nas forzas galeguistas e/ou nacionalistas, inercia na rede (que diferencia a hiperactividade de certos blogs e webs tras o 1-M de 2009 e agora) e por ende, en xeral, inercia na xente, nas facianas, nos estados de ánimo: resignación, desidia, inercia. O post de hoxe vai adicado á inercia no nacionalismo galego, máis que nada porque hai tempo que teño pendente facer unha valoración dos resultados das eleccións do 22-M, pero tempo haberá de falar da inercia noutros planos.

Inercia no BNG. Tiña pensado escribir un post titulado 'moderadamente satisfactorios' para falar dos resultados electorais nas pasadas municipais. Pero non saquei tempo (a tempo, perdón pola redundancia), así que hoxe falamos de inercia. O BNG ven de perder 50.000 votos cando o rival con quen comparte o maior 'nicho de mercado' ven de obter os peores resultados da súa historia a nivel estatal, no contexto de crise económica xa coñecido por todos. Nun país onde o 25% da xente se declara nacionalista, a única forza con representación no Parlamento consegue o 8% dos votos en Ferrol (onde houbo alcalde nacionalista non hai moito), o 9% en Lugo, 10% en Ourense, 11% en Vigo, 12% na Coruña, ou o 13% en Santiago, a cidade onde probablemente máis galego se escoita falar. Non sei en que mundo viven os que cren que a eso se lle pode chamar 'moderadamente satisfactorios', pero alá eles.

Inercia nos 'mira-que-nos-marchamos-do-BNG-eh!'. Beiras e os seus ameazan por décimosexta vez con marchar. Parecen o conto do pastor e 'que ven o lobo!'. Peor é saber que para eles a solución a todos os males do BNG pasa por temas que ao votante da rúa lle traen completamente sen coidado, como se ás asambleas poden ir todos os -cada vez menos- militantes ou non. +G segue có mesmo rollo 'buenista' de sempre, non vaian romper o xoguete. Para mostra, o seu informe poselectoral: "un proceso de reflexión conxunta para volvermos ser referente da cidadanía... bó momento para practicar unha política máis aperturista... promoveremos o acordo desde unha perspectiva de xenerosidade e cesión mutua...". Pero... non dicían exactamente o mesmo hai exactamente dous anos? Serán os problemas do 'copipeist'? E din por ahi 'os rumorosos' que a dereita máis á dereita do BNG xa se moveu hai uns meses, tanteando ó personal a ver se decidían marchar e montar un partido 'liberal' (no concepto de 'liberal' que por aqui che ten, non nos USA). Pasados os meses e ningunha nova ao respecto, xa supoñemos cal foi a decisión tomada: inercia.

Inercia, se cadra máis triste aínda, nos que viven 'fóra-do-BNG-pero-montar-algo-é-perder-o-tempo'. Porque non se explica que despois de todo este tempo, e habendo tantos dacordo en que o BNG significará a morte da relevancia social do nacionalismo galego no curto ou medio prazo, non xurda unha alternativa que os aúne a TODOS: galeguistas do PSOE ante a volta da liña pacovazquista, militantes e simpatizantes fartos do BNG, moitos xa ex-BNG, e referentes sociais da literatura, o cinema, a empresa, o deporte e tantos outros ámbitos, que poderían/deberían dar o paso se tal alternativa agromase. Veremos a Iniciativa Ben Comun en que queda aínda que, malia a boa vontade dos seus organizadores, dubido chegue aglutinar a todos os que deberían estar.

Inercia nas leiriñas do galeguismo de centro, dereita, centro-dereita, ou o que sexa, porque teño que recoñecer que me perdo entre tantas siglas. Interpreto na web do Ministerio del Interior, elecciones.mir.es, que TEGA obtivo case 14.000 votos (perde o 50% en catro anos), P.G.D. 5.300, C.G. non chega a 4.000 electores, e 1.300 votos para CXXI e outros tantos A.P.Ga (se é que estes son da quinta, porque francamente non os coñezo). Total, 25.800 votos, o 1,60% dos que votaron e o 1,10% dos galegos con dereito a voto. Desde o día 22-M, inercia. Non se lles escoitou dicir ni 'mu', nin sequera aos hiperactivos en internet CXXI.

E inercia, en resumo, do galeguismo político, incapaces todos nós de ofrecerlle á sociedade unha (ou varias, pero non un cento, por favor) alternativa crible ao peor goberno, por (autoproclamado) incompetente, inoperativo e antigalego que teña ostentado nunca as rendas da Xunta de Galicia.

02/07/11

A RECUPERACIÓN... DOS LUCROS

Artigo moi clarificador sobre o tipo de 'recuperación' económica que estamos a vivir (neste caso, datos dos USA), publicado onte en NYTimes. 'The wageless, profitable recovery' (algo así como 'a recuperación para os beneficios pero non para os salarios').

Economistas da Northeastern University publican o estudo 'The jobless and wageless recovery...' onde amosan que, desde que a recuperación económica en USA principiara en xuño de 2009, os beneficios empresariais capturaron o 88% do crecemento da renda nacional, mentras os salarios apenas o 1%. O estudo afirma que 'non existe precedente' no que os traballadores americanos percibisen tan pequena porcentaxe do crecemento da renda nacional durante unha recuperación económica.


A ausencia de crecemento no emprego nesta recuperación, combinado có estancamento dos salarios por hora, son os responsables desde 'único, devastador resultado'. De feito, dacordo có Bureau of Labour Statistics, os ingresos medios por hora dos traballadores americanos caeu un 1.1% desde xuño de 2009, cando principiou a recuperación. Curiosamente, a productividade por traballador aumentou case o 6% desde entón, o que permitíu non incrementar os postos de traballo mentras os beneficios empresariais se elevaban.

O informe conclúe: "Estamos ante unha recuperación sen emprego e sen salarios. Os únicos beneficiarios da recuperación son beneficios empresariais e mercados bursátiles".