28/09/10

PRESÉNTOVOS A MEUS PRIMOS

Sei que o video é un tanto longo, pero pídovos por favor que o escoitedes ata o final, e sobre todo no minuto 8 cando Carmen explica porque cre que a xuventude galega fala cada vez menos galego (non se pode dicir máis claro nen máis sentido), nen cara o final do video, minuto 14, cando explican porque as súas fillas falan castelán malia ser educadas en galego na casa e na escola.




Na miña aldea de Vimianzo non se falou castelán en mil anos, pero hoxe, ano 2010, miñas primas pequenas aprenden as súas primeiras verbas en castelán malia ser educadas na casa e na escola en galego. Este é o país onde a dereita chega ó governo para salvar o castelán dun 'perigo de extinción'??

------------

O video é unha colaboración de nosquedaportugal para eufalo.tv

27/09/10

PROFES CÓ GALEGO

Cando dúas leis se contradín, polo principio de xerarquia normativa teño a obriga de seguir a de rango superior. O decreto ten por riba a Lei de Normalización Lingüística, a LOE, o Estatuto de Autonomía, a Carta Europea das Línguas Minoritarias, e todas elas contradín o que nos quere obrigar o decreto.





O legal é incumprir o decreto. Moito ánimo e todo o noso apoio aos mestres que seguirán a defender o ensino en galego. "Se nos abren un expediente, haberá suspensión cautelar do decreto. Benvido sexa o expediente".

19/09/10

O PRIMEIRO LIDER DO SÉCULO XXI

Pois non, non é Obama. Os próximos anos moito nos acordaremos do que conseguiu este obreiro fillo de labregos e representante sindical que chegou a presidente do Brasil entre a conmoción neoliberal e dos mercados financeiros internacionais, para ser recoñecido unánimemente só oito anos despois como o o líder mundial máis influinte dos últimos anos.

Pero o maior éxito de Lula da Silva é outro. Lula é un símbolo de que a política tamén pode ser honesta, algo moi significativo ante o descrédito que vive a clase dirixente.




Esta entrevista hai uns meses nunha televisión brasileira mostra unha persoa que dirixíu un país durante oito anos romper a chorar porque nunha recepción con 'moradores da rua' o que lle respostaron cando lles preguntou que lles querían pedir ao presidente foi "não queremos reivindicar nada, a maior conquista nossa é o fato de estar dentro do palacio, coisa que nos jamais pensar entrar".

O 3 de outubro celebrarase a primeira ronda das eleccións no Brasil, e Lula da Silva deixará de ser presidente o 1 de xaneiro. Agardamos que no futuro siga traballando por algunha causa noble para a humanidade, porque non podemos perder a un home asi.

----------
Podes estar ao día das eleccións brasileiras en http://eleicoes.uol.com.br/ e os principais jornais brasileiros.

17/09/10

JAVIER GÓMEZ NOYA TAMÉN FALA

Nesta sociedade onde son os medios de comunicación os que determinan de que se fala e de que non, a quen se admira e a quen se ignora, nomes como Gasol, Nadal, Contador ou por suposto a selección española de fútbol están día si, día tamén, nos medios de comunicación véndendolle a un país có 20% de paro e un estado de crispación política constante (e crecente cós anos) que 'que bonito es ser español, oiga'. Só nos falta poñernos a escoitar zarzuela.

Eses mesmos medios son os que ignoran tamén constantemente a Javier Gómez Noya, hai apenas unha semana proclamado por segunda vez campión do mundo de triatlón (probablemente a proba más completa do deporte, de ahi que se lles coñeza como 'ironman' aos seus practicantes). Pero para iso está o medio de comunicación máis democrático de todos, a internet, para recordarnos que nós tamén temos un campión do mundo que defende a nosa língua.





Probablemente noutros países con máis interese polo atletismo non pasaría tal cousa. E probablemente se Javier fose de Getafe ou Cadi, miarma, tampouco. Pero é o que hai, lle pese a quen lle pese: temos un campeón mundial que fala galego, defende a nosa língua, e defende a importancia e a utilidade na nosa língua eiqui, e no mundo. Parabéns Javier. Parabéns eufalo.

15/09/10

NOVOS CAMIÑOS

Aviso a navegantes e despistados que aínda non se deran por enterados, este sábado celébrase en Santiago de Compostela o evento 'Novos camiños para a esquerda galega'.

Novos camiños para a esquerda galega. Fonte: 'renovarobng'


Evento organizado a título particular por xente ben coñecida da blogosfera galega, e que contará coa participación de ilustres do galeguismo como Beiras, Nogueira, Táboas, Bouza, Baamonde ou Bragado, entre outros. I entre eles, servidor, que agradece encarecidamente ós organizadores por invitarenme a participar e compartir inquedanzas con tan insignes nomes.

De seguro que será enormemente proveitoso o día, e desde aqui convidarvos a asistir. Será o vindeiro 18 de setembro na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela, de 9:30h a 20h. Eu participo ás 13h na mesa sobre 'Política económica máis aló da crise', xunto cós profesores Xan López Facal e Xoan Doldán, Manuel Meira da CIG e Ínhigo Ansotegui de +G (se non ando errado).

Tedes toda a información do evento no blog 'renovarobng', blog ao que non lle viña de máis mudarlle o nome a outro máis acaido como 'renovarogaleguismo' ou algo polo estilo, que o BNG pouco ten que renovar xa. Ou como di o profesor Bouza no seu blog 'El voto con botas', i eu suscribo íntegramente:

"O BNG é a forza política que reorganizou o galeguismo desde unha perspectiva eficaz, e ese é un mérito innegable..., có que o galeguismo foi monopolizado pola esquerda. As clases altas e as novas clases medias son moito máis galeguistas que as vellas clases medias e que unha parte das clases populares de raíz rural próxima. O pecado orixinal do PSdG é ser un partido case nacido e madurado no franquismo, nada que ver có PSOE da República, e con todos os tics da época (ata hai pouco non potenciou en absoluto a língua galega); o pecado do BNG, ter como ideoloxía de fondo a mesma que deu vida á esquerda insurxente nos anos 60. Hoxe non é de recibo unha cousa así: limita extraordinariamente a comprensión da vida social e aparta o nacionalismo das novas clases medias, que buscan organizarse nesa pespectiva galeguista e modernizadora".

O que sabe, sabe. Falaremos de todo iso este sábado. Agardo veros por alí.

13/09/10

DECRETO ILEGAL

Decreto Ilegal


Unha presentación de Alba Nogueira e Manuel Bermúdez.


Fonte www.scribd.com via Jeu de Paume.

12/09/10

DEMASIADO GRANDES PARA CAER?

Ese era o título do artigo que Xornal de Galicia publicou o pasado venres como 'Caixa Breogán' na súa edición impresa, e como 'Sistema financeiro e Caixa Breogán'. Son los problemas del directo.


O pasado 2 de setembro o Presidente da Reserva Federal declaraba as concentracións bancarias en entidades 'demasiado grandes para caer' como o principal erro da regulación económica nos últimos anos. Declaracións que non fan senón evidenciar que detrás da estratexia do Banco de España de concentrar e privatizar as caixas de aforro non está a lóxica económica, senón pura e dura ideoloxía neoliberal. A mesma que nos meteu neste 'fregao'.

10/09/10

O FUTURO DA PRENSA

Nun momento no que o peche da edición impresa de 'A Nosa Terra' provocou tantas mostras de preocupación, lemos no Xornal esta noticia: 'The New York Times prepárase para abandonar a edición impresa e cobrar en internet'.

Internet está a mudar a face do Planeta cara un mundo que aínda non sabemos moi ben como vai ser. E entre outros, quen máis está a sentir esta mudanza é a prensa. Moitos nese sector están a darlle voltas os miolos para atopar unha solución a unha situación insostible: pretender que sexa un negocio sostible cobrar pola edición en papel cando en internet podemos ter o mesmo gratuitamente.

O principal xornal do mundo apunta por onde poden ir os tiros, e eu francamente creo que será o futuro da prensa: os xornais serán dixitais, e cobrarán (pode que non todos, ou pode que os principais só por algúns contidos) por esa edición, mentras quen queira ler o xornal 'en papel', terá como alternativa as novas tecnoloxías de lectura en papel electrónico.

07/09/10

GALICIA É O GALEGO


Apoiamos o texto deste manifesto a prol dos medios de comunicación en galego:


Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sos. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.

Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un trás doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tome a decisión de axudar ós medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.

Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un trás outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos.


Podedes asinar aqui: www.osmediosengalegoimportan.com

Agradécese a difusión do manifesto na rede.

(Vía Brétemas)