30/12/09

DECRETO DO GALEGO NO ENSINO

Interrompemos as vacacións para comentar o que moitos xa sabedes: A Xunta de Feijoo presentou no Consello da Xunta de esta tarde o borrador do Decreto contra o galego no ensino, que podedes consultar premendo na ligazón, páxinas 36 e 37.

En resumo, trátase de reducir o peso do galego a un terzo das asignaturas, e como non se atreven -de momento- a darlle ó español o dobre de presenza legal, introdúcese o inglés como excusa. Tamén, para calar as bocas dos vil.lingües que tan pouca presenza teñen no electorado, pero tanta cobertura mediática tiveron dos medios afíns ó PP nas pasadas eleccións, introdúcese o criterio da elección por parte dos pais de qué asignaturas se estudarán cada un deses terzos, "en sana y democrática mayoría de los papás de los nenes".

Ben, hoxe quero deixar á marxe que eso da elección dos pais é tan absurda como se mañán as operacións de transplante de corazón, por exemplo, se levaran a cabo consultando á familia do paciente, e acordando por "sana y democrática mayoría" se cortamos por aquí ou por alá. Ou o cachondeo que vai ser, trimestre a trimestre, ano a ano, as eleccións en cada colexio, en cada curso i en cada aula para decidir qué se dá en qué asignaturas: haberá dereito democrático á privacidade? votarán en urna? será secreto o voto? En fin, CARALLADAS.


Porque hoxe non quero falar deso. Hoxe quero propoñer a seguinte estratexia a seguir polo galeguismo:

Deámoslle a razón a Feijoo. "Lo que tu digas, nene pijo; aceptamos la teoria del equilibrio entre lenguas”: xa que hai que meter un terzo nunha lingua extranxeira, sexamos pragmáticos e utilitaristas (non 'reitegratas', no, tranki frijol), e propoñamos que os nosos fillos estuden nas linguas veciñas con máis presenza internacional: inglés e portugués.

E así, un terzo en galego, outro terzo en español, e o outro terzo a repartir entre inglés e portugués. Así redondeando podería quedar asi:

- 35% galego
- 35% castelán
- 15% inglés
- 15% portugués.

Teriamos un 50% en galego garantizado pola norma da propia dereita galegófoba, e daríamos visibilidade ó galego como idioma internacional a través do portugués… Falo moi en serio. Por qué non plantexarlles esto e desmontar a súa hipocresía? Porque xa veredes que rápido din os hipócritas do Partido Nacionalista Español (alias PP nas urnas) que esto de la libertaz y el equilibrio lingüístico é unha ida de olla de nacionalistas del bloque.


Voltamos o día 11. Feliz ano.

24/12/09

FELICES FESTAS

Hoxe estamos de cumple. O autor, ó que xa lle caen enriba uns cantos (non vos vou dicir cantos :-P), e ó blog 6 meses que cumple tal día coma hoxe. 6 meses nos que superamos todas as expectativas que tiña cando iniciei esta andaina, e se é así é por vos, lectores.

Visitas mensuais a nosquedaportugal e alemdominho, datos a 24 de nadal.

6 meses nos que rebasamos as 11.300 páxinas descargadas, máis de 125 artigos, 5 portadas en chuza (contos para nenos en galego, conversa con Antón Reixa, cortina de fume, as incribles contas do Pastor, o día 25 e o galego), entrevistas con Manuel Lourenzo e Antón Reixa, colaboracións noutras webs, comentarios dos lectores e a vosa atención, impagable.

A todos, moitas grazas... e Bon Nadal. Porque estes son tempos de desfrutar cos seres queridos, e días atarefados tamén, para todos. Así que este blog tómase un descanso duns quince días, ata despois de reis. Entre medias probablemente o triste governo que nos desgoverna probablemente terá cometido un dos peores crimes contra o noso ben común máis prezado, a nosa língua, así que para contrarrestar dexexarvos un feliz 2010 coa tarxeta de felicitación da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, http://coordinadoraendl.org.


Falaremos das trabas que lle queren poñer ó galego á volta. E de Portugal, e Brasil, da lusofonía, e da nosa historia que explica quén somos e por qué somos como somos hoxe, e de Galiza no mundo, e de moitas outras cousas.

Ata entón, Bo Nadal e Feliz 2010 a tod@s.

23/12/09

CONTOS PARA NENOS EN GALEGO

As datas do Nadal son tamén días de agasallos ós seres queridos. E que mellor agasallo para un neno que uns libros en galego? A responsabilidade de transmitir a nosa língua ás novas xeracións non é só responsabilidade dos governos, nen de galescolas nen de porcentaxes para o galego no ensino: a responsabilidade empeza en cada un de nós. Nestas datas regala ós teus fillos, ós teus sobriños, ós teus seres queridos, libros para nenos en galego.

Adicamos o artigo de hoxe a ofrecervos unha lista de editoriais e páxinas web adicadas ó mundo dos contos en galego para nenos e nenas. Seguro que non están todas as que son, pero ver que a lista de empresas adicadas a este mundo é como mínimo tan ampla como o que eiquí vos deixo é xa un motivo de inmensa satisfacción.

(nota: se alguén coñece máis editoriais ou páxinas web, podedes colaborar en comentarios. Serán engadidos ó artigo).



EDITORIAIS:

- Kalandraka: www.kalandraka.com

"libros para soñar". Tedes máis información tamén no seu blog www.kalandraka.com/blog/

Non quero deixar pasar a ocasión de comentar que recentemente Kalandraka ven de asinar un acordo cunha editorial brasileira para editar libros no Brasil: www.vieiros.com/kalandraka-brasil Parabéns.


- OQO editorial: www.oqo.es/editora/gl

Libros para todas as idades.

Destacar esta nova na web www.culturagalega.org: iniciativa da editorial OQO para a campaña de dinamización lingüística que organizaron oito editoras coa secretaría xeral de Política Lingüística. Contos en cantos é un libro disco nos que Almudena Janeiro transforma en cancións doce historias desta editorial.






- Editorial Galaxia: www.editorialgalaxia.com

Por suposto unha das grandes é tamén unha das que maior producción ten en galego para nenos, contanto entre outras coas seguintes coleccións:

· Espazos
· Pimpin por aqui non vin:

Ambos especializados en prelectores


· Árbore "Os Duros"
· Tartaruga
· Máis títulos para esta idade
· O ciclo da vida
· O Tren Azul
· ¡Qué corpo!
· Un día en...

Todos eles para primeiros lectores (menos de 8 anos)

O Nadal. Colección "Pimpin por aqui non vin", Editorial Galaxia.
Fonte: www.editorialgalaxia.com/catalogo


E para máis de 8 anos

· Árbore laranxa / Árbore azul / Árbore verde (a partir de 8, 10 e 12 anos)
· Así é a vida
· ¿E qué?
· Álbumes
· Árbore Musicontos (inclúen CD)

Podes seguir tamén todas as novedades a través do seu blog www.editorialgalaxia.es/weblog/



- Xerais: www.xerais.es

Con, entre outras, as seguintes coleccións en infantil e xuvenil:

· Merlin (para todas as idades)

'Bea' de Iván Sende. Edicións Xerais, colección Merliño.
Fonte: www.xerais.es

· Sopa de libros (para todas as idades)
· Paseniño
· Andavia
· O meu mundo
· Fora de xogo
· Xabarín
· Said e Sheila

E moitas outras.


- A Nosa Terra: www.anosaterra.org/

Outra das editoriais de renome en Galiza que conta con algunhas publicacións para rapaces. Podedes atopar mellor información na vosa libraría de barrio, xa que nas súas webs non din moito, preguntando polas series "Os bolechas" e "Os barbanzóns" de Pepe Carreiro.



En canto a webs de interese...


WEBS:

- Orella pendella:
www.orellapendella.org/

O obxectivo desta web é "difundir a literatura popular infantil de Galicia para que siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para os/as galegos/as do século XXI. Ditos, recitados, cancións, etc. que acompañaron desde hai séculos as brincadeiras dos/as nenos/as ou as relacións entre os membros maiores da familia e os máis pequenos".

- Bibliotecas escolares de Galicia:
www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/

Web da Xunta de Galicia, con guías de lectura para o Nadal, que pretenden orientar ás familias na adquisición de textos axeitados á idade dos lectores e lectoras, incorporan tamén suxestións para os adultos.

- Contos para ver e contar:
http://contosparaverecontar.blogspot.com/

Videos de contos populares, a maior parte válidos para rapaces de calquer parte do mundo: son non falados. A páxina pon os videos, vós lle podedes contar a historia ós vosos rapaces.

- Unha biblioteca chea de tesouros:
http://bibliotecaceipesteiroferrol.blogspot.com/

Do colexio CEIP Esteiro (Ferrol)

- Os nosos traballos:
http://nosostraballos.blogspot.com

Blog feito no colexio por rapaces nenos de primeiro ciclo. Parabéns ós nenos e ós mestres por tan magnífica iniciativa.

- Aprendendo todos xuntos:
http://colegiosantacomba.blogspot.com/

"Blog dos alumnos de primeiro ciclo de primaria do colexio "Barrié de la Maza" Santa Comba" Parabéns novamente.

- Tí tamén contas:
http://titamencontas.blogspot.com/

"Os nenos e nenas do Ceip Mestres Goldar tamén teñen moito que contar. Aquí están as súas creacións"

- Toleo por ler:
http://toleoporler.blogspot.com/

"blog da Biblioteca do CEIP Amaro Refojo de Verín (Ourense)
"


Etcétera. Todos eles son só unha mostra de blogs feitos por rapaces de primaria nos seus colexios, dos que eiqui tedes ligazón a moitas delas obtida na web de bibliotecas escolares de Galicia:

Actualizacións con aportacións en comentarios:

- GZe-ditora: sección do Portal Galego da Língua onde publican "e-books em formato pdf com textos de criaçom e crítica literárias, aberta à participaçom de todo o mundo".

Recentemente acaban de publicar "dous novos títulos, ambos inéditos, da autoria da galega Luzia Rodrigues Cao. Joana e a Lua e Joana e a Rã da Branha Nova têm a mesma protagonista, Joana, uma criança que está a descobrir o mundo que a rodeia. Os trabalhos são distribuídos livremente e podem ser descarregados em formato pdf ou visualizados na internet em formato de fácil leitura".

- Patas de peixe: www.patasdepeixe.com

Pe
quena editora que polo de momento ofertan a adaptación ao galego do libro "O incrible neno devorador de libros", que podes atopar nas librarías por 12 euros, ou escribir a info@patasdepeixe.com para recibilo por correo.

- Cerditos de Guinea:
www.cerditosdeguinea.com

Un intento de "ofrecer banda deseñada en galego ao mellor nivel, tanto en contidos como na edición". Contan varias publicacións (Trasmallo, Gárgolas, Os cinco loitadores), e podedes seguir tamén as novedades desta editorial a través do seu blog, http://cerditosdeguinea.blogspot.com/

- Os contos de Xandre:
www.contosdexandre.net

"Algún día todos os contos faranse así, accesíbeis e usábeis". O
s Contos de Xandre é accesible para nenas e nenos con diversidade funcional. De feito, dispón de braille, lingua de sinais, pictogramas, audios, vídeos e outras formas de comunicación.

Bon Nadal en galego!!


(Moitas grazas á Moraima pola súa colaboración)

22/12/09

RECEITAS BRASILEIRAS PARA O NADAL

Qué tal vos desenvolvedes na cociña??

Natal Bem Brasileiro - Receitas. Fonte: www.brasilcultura.com.br


A min comer dáseme estupendamente...

Como cociñar non é o meu, pero xa están eiqui as datas de comidas farturentas, non quero deixar pasar a oportunidade de vos convidar ós habelenciosos na cociña a intentar preparar estas festas algunha das receitas de doces brasileiros para o Nadal que atopei na web
Brasil Cultura:

http://www.brasilcultura.com.br/culinaria-brasileira/natal-bem-brasileiro-receitas/


"releituras de doces brasileiros, como o doce de leite com açafrão, a goiabada cascão com alecrim, o doce de abóbora com cerefólio, mel com coalhada e pimenta aroeira. Uma idéia quase lúdica de comprar pronto os melhores doces típicos brasileiros".

Téñenme moi boa pinta estas dúas, e non semellan complicadas de facer... Alguén convida??

FAROFA COM FRUTAS BRASILEIRAS

Ingredientes 6 porções: 150 g de manteiga, 1 cebola roxa picada em cubinhos, 50 g de jaca seca, 100 g de banana passa, 50 g de castanha-de-caju, 50 g de castanha-do-pará, 300 g de farinha de mandioca, 1 ramo de alecrim, Sal e pimenta

Modo de preparo: Derreta a manteiga em fogo baixo e refogue a cebola por vinte minutos. Junte em seguida as frutas secas cortadas finamente, as castanhas inteiras, o ramo de alecrim e o sal. Cozinhe por mais 10 minutos e adicione a pimenta e a farinha. É importante que esta farofa fique bastante úmida.

Sorvete de graviola. Fonte: http://www.brasilcultura.com.br/culinaria-brasileira/natal-brasileiro-sorvete-de-graviola/


SORVETE DE GRAVIOLA

Ingredientes: 1 graviola pequena, 1 colher (sopa) de casca de limão ralada, 1 xícara (chá) de açúcar, 1 colher (sopa) de suco de limão, 2 caixinhas de creme de leite

Modo de preparo: Abra a graviola e retire as sementes. Reserve algumas sementes para decorar. Coloque a polpa no liquidificador, aos poucos, e junte a casca de limão. Bata até ficar homogêneo. Reserve. Coloque em uma panela o açúcar e ½ xícara (chá) de água. Leve ao fogo, sem parar de mexer, até o açúcar derreter. Deixe no fogo por mais 8 minutos, sem mexer, ou até obter uma calda em ponto de fio médio. Retire do fogo, transfira para uma tigela e deixe esfriar completamente. A seguir, junte o purê de graviola, o suco de limão e misture delicadamente. Cubra a tigela com um filme plástico e leve ao freezer por 4 horas, ou até ficar firme. Retire a mistura do freezer, raspe e coloque na tigela da batedeira. Acrescente o creme de leite e bata por mais 2 horas, ou até ficar firme. No momento de servir, distribua o sorvete nas taças e decore com as sementes de graviola ou com raspas de limão.

Bom Appetit!!

21/12/09

ARTIGO DE CAMILO NOGUEIRA SOBRE BRASIL

Publicaba Camilo Nogueira este fin de semana no xornal vieiros.com un artigo sobre 'Brasil e nós', do cal publicamos algúns estractos que concordan plenamente coa liña de pensamento coa que traballamos en nosquedaportugal:

Camilo Nogueira. Fonte: www.vieiros.com

Brasil recebe neste momento unha atención especial e positiva de medios de comunicación (...) relatando o seu despegue político e económico, distíngueno de potencias consolidadas como China, India ou Rusia, quer polo carácter do seu sistema democrático, quer pola carencia de problemas nacionais internos ou pola diversidade da súa estrutura económica.

Con perto de 200 millóns de habitantes, converte ao portugués na lingua máis falada en América do Sur, negando a identificación exclusivista e interesada do subcontinente co castelám e o hispanismo.


Os brasileiros teñen á lingua chegada de Portugal como o fundamento central do seu carácter nacional. Nós podemos afirmar que a lingua que falan é a mesma que a galega. Malia as diferenzas e os matices, tan galego é o portugués do Brasil como castelán o español de México.

Cada vez son máis fortes as voces que en Galiza recoñecen esta realidade afortunada. Non só entre que partillan a idea da converxencia das normas ortográficas oficiais do galego e as do portugués, senón tamén entre os que praticando a norma oficial en Galiza e facendo fincapé nas diferenzas, xa non defenden un propósito diverxente senón o entendimento cos que a través do portugués teñen por sua, alén do Miño e do mar, unha lingua nacida en Galiza.

Non existe nengunha outra nación sen Estado no mundo que depois de ver negada a súa lingua durante séculos a conserve tan viva internamente e a enxergue tan estendida e arrequecida en todos os continentes.


Recomendamos a lectura íntegra do artigo nesta ligazón: 'Brasil e nós'.


No Brasil potencia económica internacional e na ausencia de fronteiras con Portugal por primeira vez en séculos descansan o futuro do noso país e da nosa língua. Cando nos queiramos dar conta da utilidade internacional i económica do galego a través do portugués revertirá a perda de falantes da nosa língua, tempo ó tempo.

19/12/09

FOISE CO VENTO

Hoxe o blog 'Feijoo Mente: as mentiras de Feijoo' publica a continuación do estudo sobre o emprego en Galiza que elaboramos esta semana en nosquedaportugal, centrada esta última parte na evolución do paro en Galiza nos últimos 10 anos:

http://feijoomente.blogaliza.org/

Con Feijoo estamos de noraboa: por primeira vez en máis de 4 anos Galiza xenera máis paro que o resto do Estado. Qué ben funciona a "austeridade" ben entendida, señor Feijoo!!














Na primeira gráfica, durante o bipartito o paro en Galiza incrementouse só nun 25% nos peores meses da crise, fronte ó 80% no resto do Estado. Na segunda, o novo ciclo alcista principiado este verán, xa con Feijoo no (des)governo, é máis virulento en Galiza que no resto do Estado. É a primeira vez en 5 anos que tal cousa ocorre. Parabéns señor Feijoo, 3 anos máis así e os galegos deixarán que marche a Madrid a facer carreira, non se preocupe...

Podedes ler o estudo completo en Feijoomente. Agradecer dende eiqui ós redactores do blog por acceder á publicación da nosa colaboración.

18/12/09

AS AMÉRICAS (3)

(ven da segunda parte)


II.- As políticas de emprego nos últimos 20 anos:

No contexto que comentabamos no punto I.- de envellecemento e de peso decrecente da economía e a poboación galega no seu entorno, o governo da Xunta de Galiza nos anos de Fraga gababa da boa evolución da taxa de paro na nosa economía.

A táboa a continuación é un resumo das taxas trimestrais de actividade (nº de persoas buscando emprego por cada 100 habitantes), taxa de paro (en % sobre as persoas demandantes de emprego) e taxa de emprego (nº de persoas que traballan por cada 100 habitantes), entre 1996 e 2009, en Galiza (verde) e España (violeta):

Táboa 2. Taxas de actividade, paro i emprego no Estado vs. Galiza.
Datos trimestrais T1 1996 a T3 2009. Fontes: www.ine.es e www.ige.eu


O governo de Fraga deulle especial ‘bombo’ ó seu pretendido éxito de ter reducido a taxa de paro en Galiza do 19% ó 11%. Non hai máis que ver os datos na táboa 2 para comprobar que, no mesmo período, no conxunto do estado reducíuse o paro en 12 puntos, fronte ós 8 da nosa economía. Só nos anos do bipartito a evolución da taxa de paro galega foi claramente superior á da economía española: reducíndoo a un mínimo do 6,7% en 2007 (fronte ó 8% en España), e rematando no primeiro trimestre do 2009, en plena crise económica internacional, cunha taxa de paro 5 puntos inferior.

A taxa de paro ten a característica de ser a ‘máis mediática’ das 3, pero non resume ó 100% a situación do emprego nunha economía. Tanto ou máis importantes que a taxa de paro son a taxa de actividade, e sobre todo a taxa de emprego (que combina taxa de paro e taxa de actividade nunha única variable).

Pódese comprobar na táboa 2 que Galiza presenta unha taxa de actividade moi inferior á media estatal, e nos anos nos que o PP de Fraga presumía dos seus recortes na taxa de paro, a taxa de actividade da economía galega mantíñase constante (apenas sube un punto en 10 anos), mentras a economía española consigue un repunte de case 6. En 10 anos, en España pasaban de buscar traballo 51 de cada 100 a buscar 57 de cada 100, e deses 57 só o 10% non atopaba traballo, fronte ó 22% no inicio do periodo. O resultado: a taxa de emprego da economía española subía 12 puntos: en 1996 só 39 de cada 100 españoles tiñan traballo; en 2005, 51. No mesmo periodo en Galiza o repunte da taxa de emprego foi apenas fruto da caida da taxa de paro: 6 puntos, de 41 persoas a 47 de cada 100.

Só nos 4 anos do bipartito se conseguen dúas cousas: por primeira vez traballan en Galiza máis de 50 persoas de cada 100, e por outra banda redúcese o diferencial da taxa de emprego (a taxa que mellor recolle a situación do mercado laboral dunha economía) coa economía española de 5 puntos a menos de un.

Galiza perde poboación e a súa economía non é capaz de atraer inmigrantes que compensen esta situación, polo que o resultado é unha perda de peso demográfico no conxunto do Estado que se traduce, ademáis de en perda de poder económico, tamén en perda de representatividade e de poder político. Nese entorno de poboación menguante e cada vez máis envellecida, as políticas económicas da dereita non foron quen de conseguir incrementar a taxa de actividade e a taxa de emprego (isto é, o número efectivo de galegos que traballan no noso país) ó ritmo do noso entorno.

Nos últimos 15-20 anos, a evolución da poboación activa caracterizouse no conxunto do estado por un claro incremento provocado, entre outros, por estes factores:

- a progresiva incorporación da muller ó mercado laboral.
- a incorporación tamén da xeneración do boom demográfico dos anos 60s-70s.
- o incremento da poboación inmigrante, con moito maior peso das persoas en idade de traballar.

Gráfica. Pirámide de Poboación España vs. inmigrantes, ano 2008. Fonte: www.ine.es


En cambio, en Galiza o terceiro efecto apenas ten impacto, mentras o segundo e o primeiro vense amortiguados, entre outros, por estes efectos:

- a emigración de xente xoven a outras partes do Estado máis dinámicas.
- a 'fuga de cerebros', onde o capital humano investido nas nosas universidades nos 80s e 90s tivo que sair a buscar traballo noutras economías máis desenvolvidas.
- o importante peso da poboación opositora. En Galiza moitos non ven máis saída que estudar oposicións, e mentras estudan non buscan traballo, polo que non computan nin como poboación activa nin como desempregada.
- o importante peso da economía agraria de carácter doméstico, refuxio da moita man de obra latente nunha economía incapaz de xerar emprego.

O estudo das causas detrás da nosa menor taxa de actividade e políticas económicas a aplicar para correxir esta eiva da nosa economía merecerían un estudo moito máis amplo que o que aquí se ofrece. Onde sí nos centraremos durante a segunda parte desta análise é na taxa de paro e a súa evolución durante a década que estamos a piques de rematar.

Prométese máis dunha sorpresa.

17/12/09

AS AMÉRICAS (2)

(ven da primeira parte)


I.- A poboación de Galiza. Unha análise histórica:

Galiza leva 3 séculos perdendo peso específico no Estado por mor do seu minguante peso demográfico. Os primeiros datos dos que ten disposición o Instituto Nacional de Estatística, INE, datan do censo de Floridablanca de 1787, resumido no artigo da wikipedia Evolución demográfica moderna de España.

Daquela a 'provincia de Pontevedra' (entre comillas porque non existían as provincias) contaba coa maior densidade de poboación do Estado, 74 hab/km2:


As nacións históricas Galiza, Euskadi e Catalunya eran, xunto con Asturias, Cantabria e o Levante, as rexións con maior peso demográfico. Ó longo das décadas, fruto da emigración primeiro, e da crise demográfica máis adiante, Galiza irá perdendo peso específico no conxunto do Estado, como se pode apreciar na seguinte evolución:


En 1950 Galiza xa non encabeza a densidade poboacional do Estado.

E a partir de ahi a situación agravarase, xa que a variación da poboación galega será negativa entre 1950 e 2005, especialmente no interior, onde a provincia de Lugo perde máis do 20% da súa poboación entre 1950 e 1981:



Dando como resultado esta nova situación, do ano 2005, na que Galiza perdeu por completo o seu peso demográfico no Estado:


Un dato que pode ser de utilidade é facer unha comparanza entre a evolución da poboación en Galiza e en Catalunya: na primeira gráfica, Galiza tiña un 50% máis de poboación (representaba o 13% do Estado en 1787, fronte ó 8,5% de Catalunya). En 2009, Galiza 'pesa' no total do Estado aproximadamente un terzo de Catalunya (6% vs 16,8%).








Táboa 1. Evolución da poboación de España, Galiza e Catalunya, 1787-2009.
Fonte: elaboración propia con datos de http://www.ine.es/




E isto en termos demográficos, porque en termos económicos a situación é aínda peor. Só habería que comprobar os datos do PIB de Galiza e Catalunya para corroboralo.

Máis aínda, no que á poboación se refire, o proceso está lonxe de rematar. A pirámide poboacional de Galiza amosa que a situación está a tomar tintes dramáticos:

Gráfica 1. Pirámide de poboación galega, ano 2004. Fonte: http://www.imsersomayores.csic.es/

Coido que non son precisos comentarios. Sen impulso á natalidade, e cunha economía que non só é incapaz de atraer inmigración que palíe a dramática situación, senón que segue a exportar capital humano a outros territorios, Galiza leva camiño de reducir drásticamente a súa poboación nas vindeiras xeracións. Como se aprecia na gráfica, ó rango de idades entre os 25 e os 40 anos -cunha poboación para cada grupo de máis de 40.000 homes e mulleres- séguelle o grupo de idades entre os 0 e os 15, que apenas chega ós 10.000 nenos e nenas.

E non esquezamos que o envellecemento da nosa sociedade, amáis doutros efectos sociais, fará que a nosa economía sexa terribelmente improductiva.

(Continúa mañán coa terceira entrega)


16/12/09

AS AMÉRICAS (1)

'As Américas.
Análise da demografía e o emprego en Galiza'.


Ás Américas van os homes,
ás Américas pra gañar.
E as Américas aquí as teñen
os que queiran traballar.

Memorias dun neno labrego. Xosé Neira Vilas.

Balbino éravos un rapaz ben intelixente e observador. Cando seu irmán Miguel marchaba prás Américas, atendeu á rifa entre seu pai e o padriño sobre quen marchaba praló e quen quedaba na terra: "os nugalláns non se van, saben que en ningures choven moletes cocidos. O que traballan de máis os emigrantes axuda a medrar ós outros, e moitos son os que non fan cartos e non poden voltar. Pra morrer probe máis vale pechar os ollos onde un nace", dicía o padriño.

Cando Balbino cavilaba nesto, dábase conta do problema: "...vaise a xente que traballa, e o país queda cheo de vellos e nenos".

A historia non mudaría cós anos.

Memorias dun neno labrego, Xosé Neira Vilas. Ilustración de Isaac Díaz Pardo.
Fonte: www.prazadasletras.org/libros/memorias-dun-neno-labrego

Galiza vivíu a súa peor crise có andazo da emigración ás Américas nos séculos XIX e primeira metade do XX. Pero a partir da segunda metade do século XX, o drama da emigración tornouse no andazo da demografía en decadencia, con resultados para a economía do país moi semellantes: envellecemento da poboación, ausencia de relevo xeracional e fuga dos traballadores máis productivos -xente moza cualificada- a outras partes do Estado (nesta nova forma de emigración chamada 'movilidade do capital humano' que, curiosamente, segue a viaxar na mesma dirección).

Poderiamos dicir que se Balbino vivira hoxendía, o seu pensamento sería estoutro: "...vaise a xente xove cualificada, os nenos non queren nacer aquí, e o país queda cheo de vellos".

Coas palabras de Balbino en mente, adicaremos os próximos artigos de nosquedaportugal a unha análise sobre a evolución da demografía en Galiza nos últimos 2 séculos, así como a un estudo dos resultados obtidos polas políticas de emprego nos últimos 20 anos. Con esta análise pretendemos facer ver cómo Galiza leva séculos perdendo peso específico -demográfico, económico e político- no Estado por mor da nosa incapacidade para xerar emprego no país e medrar demográficamente ó ritmo do noso entorno.

14/12/09

ESPAÑA FEDERAL

Vivimos momentos de auténtica radicalización dos discursos políticos, en Galiza e a nivel do Estado. Organizacións que lle reclaman ó Governo que, "en nombre de la libertad", suprima a distinción entre rexións e nacionalidades, así como suprimir o artigo 3.3 da Constitución: "La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección". E fronte á actitude desta deriva nacionalista españolista, a resposta do nacionalismo independentista catalán organizando unha serie de referendums en case 200 concellos do seu país.

A nova que quero salientar da semana pasada é a enquisa publicada no xornal El Pais, www.elpais.com/Constitucion/necesita/cambios, con motivo do 31 aniversario da aprobación da Carta Magna. Nesa enquisa preguntaban se o cidadán considera que a Constitución precisa de cambios. I efectivamente, os resultados da enquisa demostran que a estratexia habitual do PP, "la constitución no se toca", non ten credibilidade, xa que 8 de cada 10 españois consideran que debe ser reformada.

Porén, cando comprobamos qué cambiarían os españois da Constitución i en qué dirección, entón a deriva nacionalista española mete moito medo: a maioría quere que se suprima a distinción entre nacionalidades e rexións, o 79% non recoñece a Catalunya como nación (o 46% en Catalunya, un abafante 86% no resto do Estado), o 70% quere que se regule o uso das linguas cooficiais, coa intención de permitir que cidadáns do resto do Estado poidan vivir en Galiza, Catalunya i Euskadi alleos á nosa realidade lingüística, e o 48% blindaría as competencias do Estado para impedir máis transferencias ás CCAA. En cambio, ese invento macabeo chamado 'Monarquía Parlamentaria' é defendido polo 66% dos españois como o seu réxime político preferido.

Manifestación en Madrid pola III República, o pasado 6 de nadal.
Fonte: http://larepublica.es


Neste contexto tan preocupante, unha serie de intelectuais e organizacións publican o 'Manifesto España Federal', que podedes consultar na web www.espanafederal.es

"O proxecto de impoñer un estado centralizado en España fracasou ó longo da súa historia. O Estado unitario e centralista demostrou ser ineficaz e inviable para governar a España plural. Urxe unha reforma constitucional que:

i) recoñeza as identidades diversas que coexisten en España, fortalecendo todo o seu potencial cultural, lingüístico e simbólico.
ii) garanta o plurilingüísmo e a igualdade plena das línguas oficiais do Estado nos seus ámbitos de competencia.
(....)
vi) estableza a representación da pluralidade de España na composición das súas principais institucións.
vii) autonomía financieira e corresponsabilidade fiscal dos distintos niveis de governo".


Organizado pola Fundació Catalunya Segle XXI e outras entidades do Estado, a nivel galego está representado pola Fundación Iniciativas 21, ligada ó PSdG. Coido que o nacionalismo galego non debería repetir o erro do seu posicionamento diante do Estatuto da Aldraxe, e adoptar unha postura posibilista: apoiar este e calquer manifesto pola construcción dunha auténtica España Federal onde o galego teña a mesma consideración que o castelán (cousa que hoxe non ten), e onde a definición de Galiza como nación dentro do Estado español sexa unívoca e inequívoca.

E compre facelo e sumar esforzos, máis que nunca, ante a deriva nacionalista españolista que estamos a vivir nos últimos tempos. Podes dar o teu apoio ó manifesto asinándoo na web www.espanafederal.es.

11/12/09

CANTOS NA MARÉ

O vindeiro 19 de nadal en Pontevedra temos cita nunha nova edición de "Cantos na Maré", Festival Internacional da Lusofonía. Nesta edición contan con unha das grandes iconas da música luso-africana, o caboverdiano Tito Paris, a voz do fado máis novo da portuguesa Raquel Tavares, e unha das voces máis prometedoras da MPB e compositor para artistas consagrados como Zelia Duncan, o brasileiro Fred Martins, que compartirán escenario con Uxía Senlle na edición deste ano.

Cantos na Maré. Fonte: agenda.galiciadigital.com

Cantos na maré naceu coa intención de render unha homenaxe ao mar como lugar de encontro de voces-sereas do Atlántico que contan, cantan e suman; as voces de poetas, letristas e escritor@s galeg@s, portugueses/as e brasileiros/as que están unidos polos sentementos e valores culturais deste fecundo universo galego-portugués. Así, Cantos na maré significa unha ocasión para fundir e difundir o alalá, o fado, a morna, o samba, o forró e a marrabenta e destilar así un único sentir con perfumes moi variados de países como Brasil, Mozambique, Guiné Bissau, Cabo Verde e como non, de Galiza.

Raquel Tavares. Fonte: www.cantosnamare.org


As entradas teñen un prezo de 8 euros anticipada e 10 euros no despacho de billetes. Están á venda dende onte 10 de decembro a través do servizo de venda de Caixanova (teléfonos 902 504 500 e 986 110 500 e www.caixanova.es). No propio día poderán adquirirse no Teatro Principal de 11 a 14 horas e de 17 a 19 horas, e no Pazo da Cultura de 19:30 horas ao comezo do espectáculo.

Máis información na web oficial do Festival, www.cantosnamare.org

09/12/09

CONVERSA CON ANTÓN REIXA (2)

(segunda parte da conversa con Antón Reixa. Podes ver a primeira parte premendo aqui)


A nosa conversa non foi grabada en video. Unha mágoa, porque poderíades ver cómo foi mudando o semblante de Antón dende o xesto de extrañeza ó non saber por onde ían os tiros na seguinte pregunta, ó sorriso incontíbel cando se decatou das miñas intencións...

C: Un mira as últimas noticias musicais dos últimos tempos, e volven The Police, volve Sex Pistols, volve Blur... xa sabes o que che vou preguntar (risas, case non remato de facer a pregunta...) Vai haber revival dos Resentidos algún día?

AR: Non, seguro que non... (bebe un grolo de cervexa, non sei se para darse tempo...)

C: E segues mantendo contacto có mundo da música?


AR: Si, manteño contacto, non moi frecuente, cos compañeiros do grupo. Non, non creo que haxa revival porque todos coincidimos en que Os Resentidos é algo que nos pasou por casualidade, é o mellor que nos pasou na nosa vida, pero nos pasou por casualidade. E non, non volveríamos... eu de feito non boto de menos o mundo da música. O único que boto de menos é o de escribir cancións, que me gustaba moito, pero o de actuar e esas cousas, non.

Os Resentidos - Fai un sol de carallo


(hostia, non me digas que Jimenez Losantos tocaba a bataca en Os Resentidos???)


C: Entón, botando a vista atrás, de toda a túa traxectoria, non só musical, en xeral, qué escollerías como o mellor ou o que máis...

AR: O que máis me divertín, dende logo, é coa música. A música foi tremendamente divertido, unha porque é desas cousas que che ocorren por casualidade, porque coñeces a moita xente, porque incluso todas esas lendas urbanas dos grupos de rock en xira son verdade, é ocurren cousas maravillosas nas furgonetas, e nas copas despois dos concertos, e paseino moi ben, moi ben. Pero tamén sempre fun consciente de que eso me pasou por casualidade, que eu son analfabeto musical. No grupo era 'non toca nada, pois que cante', i eu estaba alí porque o que quería era facer letras de cancións. Na miña familia aínda se seguen sorprendendo de que eu chegara a vivir profesionalmente de cantar porque non canto nin no Nadal, o sea que... Pero ten o encanto ese, que o pasei moi ben.

C: Pois relacionado con ese tema, eu púxenlle o nome 'Menos mal que nos queda Portugal' ó blog sen saber que tí inventaras aquela frase, porque para min era unha letra dunha canción de Siniestro, que está un pouco relacionado contigo...

AR: É desas casualidades. No ano 81 ou 82 eu acabei a Licenciatura de Filoloxía Galega, e naquel momento era cando empezaba a haber implantación da língua galega no ensino e nos institutos, e nos encontrábamos nunha situación paradóxica de que estaban implantando as clases de galego pero estábamos un grupo de licenciados, uns 20 ou así, sen traballo. Entón iniciamos unha serie de actividades reivindicativas, de encadenarnos na Delegación de Educación, de...

C: Esto onde, en Vigo? En Santiago?

AR: Andábamos por toda Galicia, pero... as accións que máis recordo é unha vez que nos encadeamos na Delegación de Pontevedra, e outra vez que organizamos unha sentada no medio do Obradoiro, que era moi patética porque eramos moi poucos... I eu tiña a coña, porque entre nós había, daquela había moita polémica entre os licenciados en galego entre os lusistas e os non lusistas, había entre nós compañeiros lusistas que normalmente discutíamos moito por cuestións da normativa do idioma, pero naquel momento estabamos todos xuntos pelexando por un posto de traballo. Entón eu como un guiño ós meus compañeiros lusistas empecei a gritar de broma naquela sentada "Menos mal, que nos queda Portugal!!"

C: Para conseguir traballo, vamos.

AR: Para conseguir traballo. Era unha ironía cós meus amigos lusistas. E logo coincidíu unha presentación, nun concerto de Siniestro en Rock-Ola en Madrid, i eu saín a presentalos facéndome pasar por un sobriño putativo de José Afonso, e falei en portugués e acabei berrando 'Menos mal que nos queda Portugal'. E aquelo funcionaba. E logo ocurriu que o terceiro álbum dos Siniestro se chamou así, e a frase tivo unha popularidade grande.


C: Un tema que sempre quero tocar nas entrevistas, porque o blog fala de cultura galega e de cultura portuguesa, é qué significou na túa obra e na túa vida Portugal.

AR: Portugal....

C: Ou que referentes da cultura portuguesa nos podes dar.

AR: Portugal é un pouco un amor imposible, desde a experiencia da creación cultural. Esta tarde aínda falaba cun amigo meu portugués director de cine, estábamos intentando levantar unha coproducción, pero é un sitio que é paradoxal. Por exemplo, o único sitio do mundo onde vin eu anunciado "Los Resentidos", así, "Los Resentidos de España"

C: ...con "ele"...

AR: con "ele", "Los Resentidos de España"...

C: ...foi en Portugal...

AR: ...foi en Coimbra...

C: ...miña nai...

AR: ...foi en Coimbra, tocando na Queima das Fitas, que é a festa universitaria da Universidade de Coimbra.

Cartaz da 'Queima das Fitas, 2009'. Fonte: http://2009.queimadasfitas.org


Que é así. Que todo o que ten que ver con ese espazo da lusofonía tropeza coa comprensión dos outros, e hai que pensar que os outros en términos culturais, e non só culturais, terán outros problemas. Sen embargo sentín unha fascinación sempre por Portugal, versionei a Jose Afonso, Galicia Canibal se editou en Portugal, teño grabado discos en Portugal, coproducido algunhas cousas con Portugal, pero é eso, un pouco un amor imposible.

C: E por último, sobre actualidade. Sobre a batalla contra a língua do governo actual, e parafraseándote, "estamos en guerra pero hai que reflexionar"?

AR: (sorri) Si, si que estamos en guerra, nunha guerra que ademáis non contábamos. Temos que reflexionar porque ó final nos estábamos un pouco disimulando a nosa falta de coraxe na defensa do galego pois pensando que non había relativamente conflicto, que non había unha hostilidade instalada na sociedade. Pero claro, non nos dábamos conta que as políticas lingüísticas necesitan aplicación e necesitan convicción. E que ademáis son fráxiles, porque por precaria que a algúns lles poidera parecer a lexislación que había a favor do galego, xa quixeramos agora que non perigase, non? Entón eu ahi creo que debemos ser moi rotundos e sinceros na defensa do idioma, porque temos a razón histórica, estamos defendendo a diversidade e a liberdade lingüísticas. É unha mágoa que fose a dereita quen nos arrebatara a bandeira da liberdade lingüística, porque ninguén mellor ca nós pode representar esa liberdade. É tamén unha mágoa que nos opoñan o bilingüismo cando realmente os únicos individuos bilingües somos os galegofalantes. Por tanto creo que temos que ser moi activos na defensa. E tamén creo que teríamos que facer un exercicio de autocrítica en dúas direccións: unha, que toda política lingüística vale de algo, é dicir, incluso a Lei de Normalización, e o galego no ensino, aínda aplicados coa pouca intensidade que se aplicaron, si tiveron algún efecto, e por delicada que sexa a situación do idioma hoxe, tería sido peor sen esas políticas lingüísticas.

C: É que esa pregunta cha quería facer, porque me gusta facela sempre á xente que levades moitos anos ahi: pensas que o galego está hoxe peor que hai vinte anos ou que hai trinta?

AR: Non, eu non o penso. Eu creo que a política lingüística polo menos tivo un efecto de contención. E logo hai dous datos novos na historia de Galicia, que son contradictorios, pero que debemos incorporar ó noso discurso: un é que por primeira vez, en Galicia hai individuos bastantes que foron alfabetizados en galego. O falen máis ou o falen menos, ou non o falen nada, pero foron alfabetizados en galego e poden expresarse i escribir en galego sen problemas. Eso é unha situación nova. Eu por exemplo son neofalante, me incorporei ó galego ós 17 anos, e viña dun entorno castelanfalante, e os primeiros anos falaba 'como un apache'. Agora eu noto que son moitos os individuos alfabetizados en galego. E fronte a eso hai un dato 'jodido', que tamén por primeira vez na historia de Galicia, nos últimos 50 anos hai moitísimos individuos que teñen como língua materna o castelán, e os defensores do galego que, cántas veces invocamos o...

C: ...o galego como língua materna...

AR: ...o galego como língua materna, e os aspectos derivados dos problemas de que non se respetaba a língua materna, temos que contemplar esa variable. Polo tanto temos que adecuar un discurso a unha realidade cambiante, e que logo se materializa en algo que é así: o discurso nacionalista sobre o idioma sempre estaba basado en muita enerxía ideolóxica e na suposición de que o desexable sería que o galego sustituise ó castelán. A día de hoxe é impensable, impensable que o galego sustitúa totalmente ó castelán en Galicia. É impensable unha Galicia monolíngüe en galego, e non é nada desexable unha Galicia desde logo monolíngüe en castelán. Entón, activar todos os resortes a favor do galego, medidas de discriminación positiva para o galego, todo eso é a nosa defensa e debemos utilizar a intelixencia.

Sitio distinto: 'Estamos en guerra, pero hai que reflexionar'.
Fonte: www.todocoleccion.net


C: Unha cousa na que estamos mellor é na producción cultural. Eu sempre lle digo á xente, tí compara o que se facía, en todos os eidos, en galego hai 50 ou 100 anos...


AR: Eu cando empecei a escribir, no ano 75 - 78, cando empezamos a escribir e publicar, cada día que dábamos un recital ou presentábamos un libro tiñamos que responder a por qué o faciamos en galego. A día de hoxe, afortunadamente, case é máis fácil en Galicia facer poesía en galego que facela en castelan. En Galicia. Outra cousa é que os galegos que escriban en castelán teñan todo o mercado hispanofalante, e toda a industria editorial para eso. Pero esa é unha situación que afortunadamente evolucionou. Eu non son apocalíptico. Son crítico, pero non son apocalíptico.

C: Pois moitas grazas, Antón.

AR: Moitas grazas a ti.

08/12/09

CONVERSA CON ANTÓN REIXA (1)

Despois do éxito da primeira conversa do blog, con Manuel Lourenzo, había que buscar o xeito de manter o nivel dos entrevistados. Xa había algún tempo que tiña en mente tentar de manter esta conversa, por unha banda porque Antón Reixa é sen dúbida unha das figuras máis importantes da nosa cultura nos últimos 30 anos, e por outra, porque hai só un par de meses descubrin, por un artigo do propio Reixa no Xornal, que fora Antón Reixa e non os Siniestro Total os que acuñaran a frase que da nome a este blog: Menos mal que nos queda Portugal.

Antón Reixa, de conversa para nosquedaportugal. Fonte propia.


Por iso, aproveitando a xentileza de Antón, mantivemos a semana pasada unha charla nunha cafetería da Coruña -e desta vez como vedes non esquecín levar a cámara de fotos!- que podedes ler a continuación. Que a desfrutedes.


Caralladas: A primeira pregunta, Antón, e vai ser a última...

Antón Reixa: Como 'a última'?

C: A primeira vai ser a última... sobre política.

AR: Ah!

C: Pero que che teño que facer despois do doutro día... algo moi sinxelo, non me vou meter máis en política, de verdade! Despois da Asemblea de +BNG, que tal se leva o de estar en boca de todo o mundo por razóns políticas?

AR: Bueno, eu non o percibo así. O que si é certó é que despois de moitos anos de estar inactivo políticamente decidín dar un paso para tratar de articular unha alternativa dentro do nacionalismo e dunha esquerda moi plural... e tomeino con certa enerxía, non?

(risas, e pide unha cervexa sen alcool á camareira, que acaba de se achegar)

e tomeino cunha certa... ansia. Noto no entorno que hai máis cansanzo do que eu contaba, que hai máis escepticismo, porque pasaron os anos... Porque eu creo que a política cambia, colabora non a facer revolucións pero si a mellorar as condicións de vida e de relación entre a xente.


C: Buscando información para a entrevista atopei unha conversa que tiveches có xornal El Pais en 2003, que comentabas "a mis años ya me gustaría encontrar un oficio definitivo".

AR: (risas)

C: e queríache preguntar se a estas alturas xa o atopaches... porque daquela aínda non estabas có tema do Cluster, e agora parece que estás un pouco máis volcado con eso, non?.

AR: Si, pero bueno, era empresario, estaba estreando 'O lapis do carpinteiro'. Non, agora teño claro que hai algo permanente na miña vida desde moi novo que é...

C: ... a poesía...

AR: ... que é escribir poesía, e ademáis vincular a poesía a outros códigos multimedia e interdisciplinares, i eso é o que seguín facendo e o que sigo facendo. E dicir, agora me colles que marcho este fin de semana a Suíza a traballar cun amigo nunha performance. Eso é o de sempre, e o que unha novidade na miña vida xa totalmente asumida nos últimos dez anos é que son un empresario audiovisual e que quero se-lo, e que me sinto moi a gusto ahi, traballando con moita xente.

C: Podes comentar un pouco os obxectivos do Cluster Audiovisual Galego, CLAG, cómo funciona e qué perseguides?

Clúster audiovisual galego. Fonte: www.clusteraudiovisualgalego.com


AR: O Cluster é unha agrupación empresarial fundamentalmente vinculada para establecer relacións de cooperación entre empresas. Nos ás veces dicimos que é un clube de negocios que serve para que os que traballamos no audiovisual nos coñezamos, e...

C: Pero ó final sodes competencia realmente, ou non?

AR: Si, pero precisamente para romper que somos competencia na vida dos negocios, buscar vías de colaboración... Hai unha función que cumple o Cluster moi ben i é que ningunha das empresas que hai en Galicia ten tamaño suficiente para ter un departamento propio de I+D, i en donde é máis activo o Cluster é en I+D, e dalgunha forma todos aceptamos tácitamente que o macro departamento de I+D de todos é o Cluster, que realmente ten medios e diñeiro para facelo. E nunha cousa que tamén son servizos para as empresas, estamos moi preocupados pola internacionalización, e organizamos ó ano 8 ou 9, case dez misións empresariais a feiras e mercados, que ahí non somos competencia, mancomunamos servizos, e iso que é moi importante para as empresas, internacionalizarse, estar nesas citas, pois o Cluster organiza as axendas, as inscripcións, asume gastos de viaxe, de estancia, fai unha labor incluso para os que necesiten de traducción, interpretación, contactos, etc.

C: Falando de internacionalizar, unha cousa que eu detecto é que o sector audiovisual galego efectivamente vai a máis, e sin embargo o cinema en galego, as series en galego, etc., pois non parece que progrese tanto. Entón eu quería preguntarche se vos non vedes saída para ó cinema en galego, ó audiovisual en galego, mercados como Portugal ou Brasil?

AR: Si, pero... precisamente hoxe veño de presentar unha coproducción con Brasil, pero, é dicir, son ámbitos de colaboración moi interesantes, cun valor estratéxico, pero hai que facer, é dicir, a gran sorpresa dos meus coproductores nesta película en Brasil, cando viñeron aqui e descubriron que falamos galego, que os actores galegos que colaboran na película poden...

C: ...hai moito descoñecimento sobre iso...

AR: Hai moito descoñecimento. Pero de todas formas a lusofonía para nós é un horizonte de esperanza, en términos lingüísticos, en términos de intercambio cultural, en terminos tamén de mercado. Brasil é un dos mercados máis intersantes do mundo actualmente, é dende logo para a industria cultural. De todas formas, o que xa está testado do audiovisual galego é que temos unha capacidade de producir para nós mesmos: un dos grandes éxitos do audiovisual galego é a cantidade de series de ficción de producción propia que se fixeron nos últimos doce anos.

C: No mercado da TVG

AR: Si, pero teñen a virtude de que compiten nas parrillas con series españolas, e mesmo lle gañan, non? Eso é algo que temos que ter autoestima, non? O que sí ocorre no audiovisual, é que os problemas que poida ter o galego tampouco son moi diferentes dos doutras línguas europeas. O grande problema que hai no mercado audiovisual europeo, como en xeral todo o que afecta á industria cultural, ten que ver coas línguas vehiculares e no cinema coa língua de rodaxe. Non é moi diferente o problema que podemos ter para distribuir en Europa unha película en versión orixinal en galego da que poden ter en Holanda, en Dinamarca, en Noruega ou en Suecia. Obviamente é algo que cada vez se terá que facer máis.

C: Tedes apoio da Xunta? Notouse o cambio da Xunta, se hai máis apoio, menos apoio... ? Bueno, máis xa non che pregunto...


AR: Non se sabe porque non están!!

C: É que é unha cousa que che quería preguntar en relación a eso, porque a primeira conversa que fixen para o blog foi con Manuel Lourenzo, a quen tí coñeces ben, e lle preguntei precisamente polas subvencións ó teatro e á cultura galega en xeral. El me decia que defende que o poder subvencione, "pero non interveña no máis mínimo nel".

Manolo Rivas na presentación de 'Episodios galegos, Tempos de esperpento'.
Fonte: www.atlantico.net

E por exemplo hai pouco lía a Manuel Rivas, falando do tema do 'Achegarte', criticando "a falta de respeto do discurso dominante cara a cultura galega, a menos subvencionada de Europa", dicía Manolo Rivas.


AR: (asinte)

C: Queríache preguntar como ves neste sentido o tema das subvencións, se estamos máis subvencionados que outros...

AR: A industria cultural é unha industria que necesita estar subvencionada en todo o mundo, fundamentalmente non porque sexa un adorno, ou porque sexa un luxo, senón porque é unha necesidade e logo porque tamén aporta riqueza, riqueza incluso económica, é dicir, a industria cultural é unha parte importante do producto interior bruto, está subvencionada en todos lados i é importante que o siga estando porque é riqueza para a sociedade. En Galicia curiosamente, nos últimos anos, desde o 85, aínda que non fora ás veces unha relación moi cordial ou moi harmónica, o certo é que esa converxencia entre a Administración Pública e o sector privado é a que deu como resultado todo esto, senón non estariamos falando da industria audiovisual en Galicia. Outro problema son os modelos de xestión, xa co governo bipartito se estaba notando que as competencias audiovisuais non tiñan un modelo de xestión claro, que estaban difuminadas entre Cultura e a Secretaría Xeral de Comunicación, e paradóxicamente agora có novo governo levamos oito meses que están na mesma indefinición. Ese é o problema.


Continúa mañán na segunda parte da entrevista, preme aqui, onde falaremos de Os Resentidos, de onde saíu a expresión 'Menos mal que nos queda Portugal', dos amores imposibles con Portugal e dos tempos que estamos a vivir actualmente en relación coa nosa língua.

Ata entón, podedes coñecer máis sobre o traballo que está a desempeñar o CLAG nesta entrevista a Antón en youtube:



Ata mañán.

06/12/09

O VINDEIRO MARTES, ENTREVISTA...

Este martes publicaremos a primeira parte dunha nova entrevista en nosquedaportugal (e o día seguinte, mércores, a segunda parte), que servirá ademáis para celebrar as 10.000 visitas acumuladas que acabamos de acadar esta mesma tarde.

Nesta entrevista a unha das maiores figuras da cultura galega dos últimos 30 anos, explicaremos 'como empezou todo'.

Queredes unha pista?

Siniestro Total - 'Menos mal que nos queda Portugal'
Fonte: http://muy-punk.blogspot.com

04/12/09

DOUS DISCOS, UNHA LAVANDEIRA

"... e a luz dunha nova alborada nacerá no Brasil" - Albino Núñez
Carlos Núñez, 'Alborada do Brasil'.

Portada de 'Alborada do Brasil. Fonte: www.carlos-nunez.com


Hai ben pouco que merquei o novo disco de Carlos Núñez, 'Alborada do Brasil', onde a música galega e a brasileira fúndense co saber facer deste músico excepcional. Por iso precisamente, porque hai ben pouco que o merquei, deixemos que madure. Pero dende logo promete ser fonte dalgún artigo neste blog xa que, adicado á cultura galega, portuguesa e brasileira, vaille como anel ó dedo.

Do seu novo disco e a súa relacion có Brasil déixovos coa miña recomendación de que o merquedes, e coa Entrevista a Carlos Núñez en El Pais, hai un par de meses, onde conta a súa experiencia e comenta cousas como "A miña intuición como artista é que Galicia no Brasil funciona" ou "Brasil é moito mais galego que lusitano, e ese é un potencial aínda non codificado de forma política".


Hoxe falaremos, en troques, da lavandeira.


Romance da lavandeira - Fuxan os ventos




No disco 'Quen a soubera cantar', Fuxan os ventos sinalan que "nas creencias galego-portuguesas existía un castigo, o máis duro, prós pecados feitos contra da comunidade. Un dos máis grandes era atentar contra a vida dos meninos antes ou logo de naceren. Quen esto facía era condenada a lavar, á beira de ríos, sábanas e panos de nenos. Cando alguén tentaba axudarlles a lavandeira desaparecía e quedaba no seu lugar unha poza de sangue".


A lavandeira da noite - Carlos Núñez & Noa




En cambio, no disco 'Os amores libres' de Carlos Núñez, a explicación é algo máis ambigua: "fálanos da soedade femenina nun trance doroso, o lavar o pecado, o sinal dun amor prohibido. Onte e hoxe, a invisibilidade da muller marxinada".


Con Fuxan os ventos e Carlos Núñez abránguense 4 décadas da mellor música tradicional galega, dende os primeiros anos 70 cando Fuxan os ventos comezaba a súa andaina, ata a actualidade, coa carreira artística do posíbelmente maior expoñente da nosa música no exterior, Carlos Núñez.

'Quen a soubera cantar', quinto álbum de Fuxan os ventos (1981), foi publicado segundo wikipedia "coa editora Ruada, nun intento de apoiar o primeiro selo discográfico galego".

Portada de 'Quen a soubera cantar'. Fonte: www.galego21.net

Nel atopamos, no primeiro corte do disco, o que posíbelmente é -xunto con 'sementeira'- o tema máis emblemático da banda: 'O meu amor mariñeiro', adaptación dun poema do portugués Manuel Alegre.




De 'Os amores libres' (1999) destacar por exemplo 'Maria Soliña', tema do que xa falamos neste blog non hai moito, ou a potente e festeira 'Jigs & Bulls', entre os varios temas do álbum onde Carlos mistura a música tradicional galega con outros folclores:


"No mapa secreto das tabernas, hai unha submariña entre Irlanda, Galicia e Andalucía".


- Web oficial de Fuxan os ventos: www.fuxanosventos.net/
- Fuxan os ventos en wikipedia: gl.wikipedia.org/wiki/Fuxan_os_Ventos
- Web oficial de Carlos Núñez: www.carlos-nunez.com onde podedes atopar información do seu último traballo, 'Alborada do Brasil'.
- Carlos Núñez en wikipedia: gl.wikipedia.org/wiki/Carlos_Núñez


Grazas a María pola idea.