30/06/09

FLORBELA ESPANCA E ROSALÍA DE CASTRO

Principiamos o coñecemento mútuo das nosas linguas irmás e da nosa cultura con versos de dúas das mellores poetisas que nos deron as Literaturas Galega e Portuguesa: Florbela Espanca, principal figura do feminismo en Portugal, e Rosalía de Castro, nai do Rexurdimento na Galiza do XIX e principal figura das nosas Letras.

Dous poemas sobre a existencia, as soidades e saudades que tanto impregnan as obras das dúas poetisas, que non imos traducir xa que... de certo que non están escritas na mesma lingua??


EU - FLORBELA ESPANCA

Eu sou a que no mundo anda perdida,
Eu sou a que na vida não tem norte,
Sou a irmã do Sonho, e desta sorte
Sou a crucificada ... a dolorida ...

Sombra de névoa tênue e esvaecida,
E que o destino amargo, triste e forte,
Impele brutalmente para a morte!
Alma de luto sempre incompreendida!...

Sou aquela que passa e ninguém vê...
Sou a que chamam triste sem o ser...
Sou a que chora sem saber porquê...

Sou talvez a visão que Alguém sonhou,
Alguém que veio ao mundo pra me ver,
E que nunca na vida me encontrou!



FOLLAS NOVAS (VAGUEDÁS) - ROSALÍA DE CASTRO

Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa se era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentóu,
que eu día e noite sin cesar choraba
cal choróu Madalena na Pasión.
“Señor, que todo o podedes
-pedínlle unha vez a Dios-,
dáime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición”.
E doumo Dios, arrinquéino.
Mais…¿quén pensara…? Despois
xa non sentín máis tormentos
nin soupen qué era delor;
soupen só que non sei qué me faltaba
en donde o cravo faltóu,
e seica..., seica tiven soidades
daquela pena…¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quén o entenderá, Señor!…

29/06/09

ANDORRA GALEGA

Poucos son hoxe os que coñecen a historia dun territorio independente entre Galiza e Portugal, pseudorepública que abrangueu sete séculos de historia, dende a Idade Media ata hai pouco máis dun século. Formado polos actuais Couto Mixto (os lugares Santiago, Rubiáns e Meaus) na Galiza, e os Pobos Promiscuos (Soutelinho da Raia, Lamadarcos e Cambedo) en Portugal, constituía un territorio autónomo que na práctica non dependía nin de España nin de Portugal.

Os seus habitantes non pagaban impostos a ningún dos dous reinos, podían comerciar libremente e sen impostos no chamado Camiño Privilexiado, non aportaban homes a ningún exército, podían dar asilo aos fuxidos da xustiza española e portuguesa -dado que as autoridades de ambos paises non podían entrar no Couto sen autorización-, e rexíanse polas súas propias normas contando con un xuiz propio, elexido pola veciñanza, que era a máxima autoridade gubernativa, administrativa e xudicial.

As razóns da orixe de Estados europeos como Andorra, San Marino, Mónaco, Luxembugo ou Lietchestein non son moi diferentes das que orixinaron o Couto Mixto, e probablemente a falla dunha dinastía é a causa de que hoxe non exista tal República. O Couto Mixto foi abolido o 23 de xuño de 1868 por mor do acordo entre España e Portugal de 1864, no Tratado de Lisboa.



Podedes atopar máis información nas seguintes ligazóns:

- Couto Mixto, na wikipedia galega.
- "Couto Mixto, unha república esquecida", por Luis Manuel García Mañá e Xurxo Lobato.
- Artigos en El Pais, "La república independiente del Couto" e no Faro de Vigo "O Couto Mixto, un caso único en Europa".
- Casa rural do Couto Mixto: www.coutomixto.com.

28/06/09

PATRIMONIO DA HUMANIDADE

O pasado sábado a Torre de Hércules da Coruña acadaba o título da UNESCO como Patrimonio da Humanidade.

Aproveitamos esta excelente nova para recapitular os bens de Galiza e Norte de Portugal que teñen acadado, ata o día de hoxe, esta notable distinción:

- Centro Histórico de Santiago de Compostela, dende o ano 1985.
- O Camiño de Santiago, no ano 1993.
- Centro Histórico de Porto, no ano 1996.
- As Médulas, explotación aurífera romana no Bierzo galegofalante, no ano 1997.
- Grabados paleolíticos do Val do río Côa, en Trás-os-Montes e Alto Douro, no ano 1998.
- As murallas romanas de Lugo, no ano 2000.
- Rexión vitivinícola do Alto Douro, no ano 2001.
- Centro Histórico de Guimaraes, a primeira capital de Portugal, Patrimonio da Humanidade tamén dende o 2001.
- E a última en incorporarse, no ano 2009, a Torre de Hércules, faro romano en funcionamento máis antigo do mundo.


A lista complétase con outros 9 Patrimonios da Humanidade no resto de Portugal, entre os que a Torre de Belem e Sintra en Lisboa son quizais os máis recoñecidos internacionalmente. Podedes visitar a lista completa de bens declarados Patrimonio da Humanidade na web World Heritage da UNESCO.

EURORREXIÓN

Para comezar a coñecer as nosas realizades a ambos lados do Miño, o mellor documental que poderedes atopar na rede sobre a Eurorrexión Galiza - Norte de Portugal está na imprescindible web www.culturagalega.org .

Non funciona correctamente o video insertado, así que podedes facer click na ligazón: "Cultura Galega TV: Dous pobos, un territorio".

Un extenso capítulo da serie documental do ano 2007 "A Eurorrexión", que analiza as peculiaridades históricas e culturais que definen a xente de Galiza e Portugal. "O río Miño é a fronteira natural entre Galiza e Portugal. A fortaleza de Valença representa o enfrontamento do pasado e a ponte internacional simboliza a unión e o futuro".

25/06/09

25 ANIVERSARIO

Co gallo da celebración do 25 aniversario da chegada dos restos de Castelao á Galiza, facemos estrea dos blogs "Menos mal que nos queda Portugal" (en galego) e "Alem do Minho" (en portugués). Blogs que pretenderán ser un punto de contacto para o mutuo coñecemento das realidades económicas, sociais e lingüisticas de ambos lados da "raia", proceso no que teñen moito que gañar ambas sociedades.

E que mellor xeito de comezar o noso mutuo coñecemento que lembrando á mais grande figura do pensamento galeguista. O 28 de xuño cúmplense 25 anos dende que Alfonso Daniel Rodriguez Castelao descansa no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela, xunto a insignes da cultura galega como Rosalía de Castro ou Ramón Cabanillas.

Non está tampouco de máis lembrar como recibía un auténtico batallón de policía, porra en man, á xente que agardaba o cadaleito de Castelao berrando "Galiza ceibe, poder popular", a partir do minuto 1:00 do video, acusando ás autoridades de que "os que o exiliaron agora fanlle honores". Ou a valentía de Tareixa Navaza pra ler en directo en TVE extractos da súa obra: "Galiza é unha Nación. Si é unha Nación, ten dereito á súa autodeterminación". Costoulle o posto ao director de TVE en Galiza e a Navaza sufrir acoso laboral na televisión pública. Viva a liberdade de prensa.